2 de Outubro de 2025
  • Os directores de Te separas mucho, Serê Kaniyê e LOLA presentaron as súas propostas ós medios
  • Os tres acudirán as proxeccións ó longo da xornada de hoxe para participar nos coloquios co público

Dentro das presentacións da Sección Oficial Panorama Galicia que o OUFF · Ourense Film Festival está a celebrar nestes días, hoxe tivemos con nós a tres directores de películas en competición. Segundo as palabras de César Silva, asesor de programación e que os acompañou na rolda de prensa, estamos “ante tres historias extraordinarias que temos a sorte de ter en Ourense”.

Olmo Couto – Serê Kaniyê

O primeiro en intervir foi o director Olmo Couto, ourensán de adopción, que esta noite estrea a nivel internacional o seu documental Serê Kaniyê dentro do marco do 30º OUFF. “Serê Kaniyê é unha cidade do norte de Siria, de maioría kurda. Estamos diante dunha película sobre a guerra, pero concretamente sobre a intimidade da guerra, sobre o que hai detrás dos titulares. A historia de moita xente” afirmou o cineasta.

“Tamén é unha historia sobre a revolución e sobre o movemento das mulleres kurdas. A través de tres mulleres vemos como é o seu día a día, xa que é unha película na que as acompaño” comentou Couto. A estrea mundial deste documetnal será esta noite ás 22 horas no Teatro Principal e contará coa asistencia do propio director.

Paula Veleiro – Te separas mucho

A directora ourensá Paula Veleiro presentou Te separas mucho, que xa se proxectou onte con moi boa acollida por parte do público ourensán. Gañadora do Premio á Mellor Montaxe de Película Española no Festival Internacional de Cine de Gijón, estamos ante un filme que, según Veleiro “conta dúas separacións. Por un lado, a ruptura do meu pai e da miña nai que él documentou en VHS, e que foi un material que sempre me hipnotizou. Despois fago un paralelismo 30 anos despois coa ruptura coa miña ex-moza”.

Hoxe volverá ás salas, nesta ocasión nos cines do Ponte Vella, ás 17 horas, para falar cos asistentes sobre “unha película de memoria, de como idealizamos os recordos”. Con este documental, a directora quería “facer unha reapropiación con mirada feminina dun material rodado por un pai, como solía suceder en tódalas familias. Quería romper a barreira da intimidade e de como nos expoñemos ante os demais”.

 

Antón Caeiro – LOLA

Seguindo coas estreas mundiais, hoxe tamén é a quenda de LOLA. O seu director Antón Caeiro falou antes os medios deste documental no que hai unha protagonista femenina moi especial que dá nome o filme. “Coñecín a Lola no ano 2005 e contoume a historia da súa familia na Guerra Civil, que foi totalmente destrozada. No 2007 decidimos gravala e comezamos a ir con ela a diferente escenarios de Cangas onde ela tiña as súas vivencias” afirmou Caeiro.

O director amosouse moi contento de estar no OUFF e da posibilidade de estrear aquí. “Polo momento, fixemos unha pequena premiere para os achegados. Pedínlles que me dixeran se vían algo, porque eu estou moi metido na historia, e o único que fixeron foi aplaudirme” comentaba o director antes da premiere desta noite, unha oportunidade única para todos de coñecer a historia apaixoante dunha muller única.