3 de Outubro de 2025
  • O director de O meu nome é Camba participou esta mañá no último encontro cos medios da sección Panorama Galicia
  • Esta noite estará no Teatro Principal para a proxección e coloquio do documental, ás 22:00 horas

Esta mañá pechouse a rolda de encontros cos medios da sección Oficial Panorama Galicia do 30 OUFF, e fíxose cunha historia de paixón e memoria. Aser Álvarez, director de O meu nome é Camba, compartiu os detalles dun documental que naceu dunha obsesión: recuperar a figura de Julio Camba, o xornalista máis popular e mellor pagado da súa época, hoxe case esquecido.

A película, que se proxecta esta noite ás 22:00 horas no Teatro Principal, percorre anos e lugares para reconstruír a vida dun home que, segundo Álvarez, “non quería ser nada, dáballe igual a fama. O que lle gustaba era vivir ben, comer, beber, pasear…”. O punto de partida do filme é o último baño que Camba se dá no Hotel Palace, onde viviu os seus últimos anos.

Álvarez lembrou que Camba é considerado o inventor do columnismo español, e que figuras como Unamuno ou Ortega y Gasset afirmaron que era o mellor. “Non o digo eu, díxoo xente con bastante autoridade”, bromeou o director. Para Aser, o cine ten a responsabilidade de sacar á luz a figuras secundarias, esas que pasaron desapercibidas pero que merecen ser contadas. “É chocante que Camba, sendo o xornalista máis lido do seu tempo, quedara no esquecemento. Facer esta película era case un deber. Eu dedícome ó xornalismo por é”, afirmou. E engadiu que “se consigo que a xente saia do cine querendo ler a Camba, estarei satisfeito”.