3 de Outubro de 2025
  • O Teatro Principal acolleu a presentación da serie e proxectou o primeiro capítulo
  • O home perfecto está baseada nun caso real que denuncia a violencia emocional a través da historia dun estafador sentimental

 O Teatro Principal de Ourense acolleu esta tarde a preestrea da serie galega máis agardada do ano: O home perfecto, enmarcada dentro da Sección Fóra de Serie do OUFF. Polo photocall pasou o equipo da produción, e moitas caras coñecidas do audiovisual e da canle pública, antes da proxección do primeiro capítulo. Ademais, tamén houbo espazo para encontros co equipo artístico e momentos para compartir impresións sobre a serie antes da súa estrea oficial.

O home perfecto é unha serie galega de 13 capítulos dirixida por Guiselle Llanio e Lucía Estévez —premiada no Mestre Mateo por Xan— e protagonizada por Adrián Castiñeiras e Alba Loureiro. Inspirada nun dos casos reais máis impactantes dos últimos anos, narra a historia dun estafador sentimental galego que enganou a máis de 70 mulleres en toda España. A serie busca visibilizar este tipo de violencia emocional e romper co estigma que sofren as vítimas. Amor, desamor e tensión conviven nun relato que mestura drama e thriller con fondo social.

Na presentación estiveron presentes Fernanda Tabarés, directora de Voz Audiovisual, quen quixo salientar o esforzo conxunto dos actores, das dúas directoras, do equipo técnico e da produción, destacando que foi un traballo intenso pero con resultados moi positivos.

Tamén participou Xaime Arias, director do Departamento de Proxección Social da CSAG, que reafirmou o «compromiso de seguir creando historias vencelladas á actualidade». Aproveitou para lembrar que a TVG celebra este ano o seu 40 aniversario e que o potencial do sector audiovisual galego demostra a capacidade de xerar sinerxías. «Non sei por onde imos ir, pero si sei que seguiremos facendo películas e series con talento galego, rodadas en Galicia e en galego», concluíu.