
-
A sección Fóra de Serie convértese no escaparate dunha das superproducións máis agardadas do ano, tras colleitar un enorme éxito en Atresplayer
-
As actrices Carlota Baró e Martina Cariddi viaxarán a Ourense o 30 de setembro para presentar esta adaptación da novela de Sonsoles Ónega, Premio Planeta 2023.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival dá un paso firme na súa consolidación como referente dos grandes lanzamentos televisivos. A sección Fóra de Serie acollerá a presentación oficial de Las hijas de la criada, a gran aposta de ficción de Atresmedia para esta tempada que adapta a aclamada novela de Sonsoles Ónega, Premio Planeta 2023. A inclusión desta superprodución na programación do festival supón un fito de enorme relevancia para o OUFF, situando a Ourense no epicentro da industria audiovisual estatal e reforzando o vínculo entre as grandes ficcións de época e o patrimonio e paisaxe galegos.
A chegada da serie a Ourense prodúcese nun ambiente de máxima expectación. Tras o seu brillante percorrido en Atresplayer —onde se converteu nun auténtico fenómeno de audiencia, liderando os ránkings da plataforma e colleitando excelentes críticas polo seu alto nivel de produción e deseño de arte—, a ficción prepara a súa desembarco en aberto no prime time de Antena 3 o vindeiro xoves 3 de setembro.
O OUFF converterase así nun marco inmellorable para celebrar este evento televisivo, ofrecendo ao público e á prensa a oportunidade de gozar na pantalla grande dun avance exclusivo dunha historia deseñada coa factura e o alento do mellor cinema.
A cita co equipo artístico terá lugar o vindeiro mércores 30 de setembro coa presenza das actrices Carlota Baró (que interpreta a Renata) e Martina Cariddi (que dá vida a Catalina), dous dos rostros protagonistas do elenco. A xornada articularase en dous momentos principais: ás 13:00h celebrarase a rolda de prensa no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde os medios poderán coñecer de primeira man os detalles desta monumental produción e na que se proxectará unha peza en vídeo enviada especialmente por Sonsoles Ónega a modo de presentación; mentres que ás 19:30h o Teatro Principal acollerá a proxección especial dun capítulo, unha sesión aberta ao público que promete ser un dos momentos máis concorridos e emotivos da edición.
Unha saga familiar de poder, vinganza e paixón na Galicia de 1890
A trama traslada ao espectador á Galicia de finais do século XIX, concretamente ao pazo do Espírito Santo, onde chegan ao mundo dúas nenas: Clara e Catalina. A primeira é filla da criada, Renata, mentres que a segunda é filla da matriarca da familia, doña Inés. Porén, ambas comparten o mesmo pai: don Gustavo Valdés, dono do pazo e da serraría da comarca.
Unha vinganza inesperada cambiará para sempre o destino desas nenas e desencadeará unha loita sen cuartel. Doña Inés terá que sobrevivir ao desamor, ao abandono e ás loitas de poder para lograr que a súa verdadeira filla se converta na herdeira dun gran imperio, nunha época na que ás mulleres se lles negaba o control sobre as súas propias vidas.
Coa inclusión desta gran superprodución, a sección Fóra de Serie consolídase como un dos pratos fortes da programación do festival, ofrecendo ao público a oportunidade única de vivir en exclusiva e na pantalla grande un dos fenómenos televisivos máis agardados do ano







