
-
O documental é o xénero protagonista desta edición, con catro obras en competición, incluído o primeiro filme para cinema dedicado á figura de Ana Kiro.
-
As mulleres directoras tamén son maioría, e tres delas repiten no festival.
Catro documentais e tres obras de ficción competirán este ano pola Calpurnia á Mellor Película da Sección Oficial Panorama Galicia do OUFF · Ourense Film Festival. Algunhas delas veranse por primeira vez en Galicia, outras en España e hai, incluso, algún título que será estrea mundial. Ademais, entre as seleccionadas figuran unha produción internacional (Irlanda) e dúas coproducións con Portugal e Arxentina. Todas as películas se proxectarán en dous pases no Teatro Principal durante a semana do festival, do 25 de setembro ao 4 de outubro.
Entre as historias que veremos en Ourense destacan o primeiro documental para cinema centrado na cantante galega Ana Kiro, Kiro (María Yáñez); ou Guerrillero, a historia real —contada en primeira persoa— de Francisco Martínez, O Quico, quen aos seus 100 anos lembra o tempo que viviu agochado durante a posguerra.
A Sección Oficial Panorama Galicia da 31ª edición do OUFF contará, ademais, cunha maioría de mulleres directoras: catro, que optarán xunto co resto de cineastas ao Premio á Mellor Dirección. A muller é tamén protagonista da maioría das historias que se narran nestas películas, avanzan desde a organización do festival. Relatos que abordan temas como as relacións familiares, a adolescencia, a inmigración, a memoria histórica, a soidade ou o Camiño de Santiago.
Programación completa Sección Oficial Panorama Galicia
As películas seleccionadas
Estes son os títulos que formarán parte da Sección Oficial Panorama Galicia.
A avó e o amor, de Raul Veiga (2026, Portugal-España, ficción)é estrea mundial no OUFF. Dous irmáns na trintena reciben unha casa no norte de Portugal como herdanza da súa avoa, pero cunha condición ben curiosa.
Raul Veiga (Santiago de Compostela, 1956) é director, guionista e crítico cinematográfico, ademais de habitual no OUFF. Escribiu e dirixiu varios longametraxes, entre eles, A metade da vida (1994) e Arde Amor (1999), proxectados en edicións anteriores do festival.
A veces me entra tristeza, otras veces rebelión, de María Aparicio (2026, Arxentina-España, ficción) e estrea en Galicia. Eva pasa uns días soa en Madrid, sen interese por coñecer xente nova ata que se atopa con Dante, historiador arxentino que investiga as loitas obreiras no seu país e a traxectoria de Juan Bialet Massé.
María Aparicio (Córdoba, Argentina, 1992) é directora de animación, ilustradora e debuxante de cómics. As súas ilustracións apareceron en medios impresos de todo o mundo. A veces me entra tristeza, otras veces rebelión é o seu quinto traballo como directora. O primeiro, Las calles, pasou polo OUFF en 2016.
Alén dos silencios, de Carmen P. Granxeiro (2025, España, documental). A avoa da directora entrou no cárcere, xunto coa súa nai e o seu pai, cando tiña só 6 meses de idade. O filme explora unha realidade silenciada pola Historia.
Carmen P. Granxeiro (Lugo, 1985) é directora, guionista e escritora, e participa en distintas experiencias artísticas. No ámbito do documental, gañou o Premio Especial Biznaga de Plata “Afirmando los Derechos de las Mujeres” con Benvidas ao club (2019) e participou no OUFF con Persoas S.A. (2020).
Crías, de Xiana do Teixeiro (2026, España, documental). Os diarios de adolescencia son escritos invisibles onde a escrita e a vida se entrelazan. Esta película constrúe un arquivo con eles e imaxina maneiras de dialogar con el.
Xiana do Teixeiro (Lugo, 1986) é directora, guionista, produtora, directora de fotografía e música. O seu primeiro longo, Tódalas mulleres que coñezo (2018), recibiu unha mención especial do xurado no OUFF · Ourense Film Festival.
Guerrillero, de Joan Gamero (2025-2026, España, documental) e estrea en Galicia. Francisco Martínez, O Quico, foi guerrilleiro e viviu oculto nas montañas de León e Ourense durante a posguerra. Con 100 anos cumpridos, repasa a súa vida extraordinaria. O documental chega a Ourense despois de gañar varios premios en certames de México, Italia ou Portugal.
Joan Gamero (Madrid, 1952) é director de cine, guionista, fotógrafo e operador de cámara, con varios curtametraxes e documentais exhibidos en festivais internacionais. Ademais, traballou como realizador de programas en RTVE.
Kiro, de María Yáñez (2026, España, documental) e estrea en Galicia. María Dolores Casanova, coñecida como Ana Kiro, foi unha cantante moi popular nos anos 80 e 90, que levou a música en galego máis alá das nosas fronteiras. Este traballo explora o seu legado e a súa relación co público.
María Yáñez (Lugo, 1978) é xornalista, directora, guionista e produtora de contidos dixitais. Leva 15 anos traballando en cinema, televisión e internet; Kiro é o seu primeiro longametraxe.
Walking holiday (El mismo camino), de Cian y Jack Desmond (2025, Irlanda, ficción) e estrea en España no OUFF. Seán deixa o seu traballo en Irlanda para percorrer o Camiño de Santiago por un asunto familiar. Alí coñece a Ana, unha avoa galega, coa que crea un vínculo estreito a pesar de non compartir o mesmo idioma.
Os irmáns Cian e Jack Desmond (Cork, Irlanda) son directores, produtores e guionistas, e adoitan colaborar xuntos. O seu último longametraxe, Walking holiday (El mismo camino), terá a súa estrea en España no marco do OUFF.
Encontros co público
O público que acuda ás proxeccións da Sección Oficial Panorama Galicia non só poderá ver e votar as películas; tamén terá a oportunidade de conversar sobre elas coas directoras, directores, produtoras, produtores e intérpretes que acudirán ás salas.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizada pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e co patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.







