
- O director presentou esta mañá aos medios a súa película Ombuaren Itzala – La sombra del Ombú dentro da sección Colleita
- O filme, que se proxectou onte no Teatro Principal, foi ben recibido polo público e contou cun coloquio posterior co propio Bisquert
O OUFF recibiu esta mañá a visita de Patxi Bisquert, quen presentou aos medios Ombuaren Itzala (La sombra del Ombú), a súa última película, incluída na sección Colleita. O filme, que se estreou onte no Teatro Principal de Ourense, colleitou aplausos e emoción entre o público, que puido compartir impresións co director nun coloquio posterior ao pase.
Bisquert explicou que se trata dun biopic “sobre o poeta e bertsolari Pello Mari Otaño, figura clave das letras vascas do século XIX”. Otaño, que fuxiu por primeira vez a Arxentina para evitar o servizo militar, regresou enfermo aos 33 anos a Gipuzkoa, onde formou familia con Madalen Alberdi en San Sebastián. Destacou en certames literarios pola súa obra poética, pero as dificultades económicas e a súa postura política levárono a emigrar de novo a Arxentina, esta vez coa súa muller e os seus tres fillos.
A película céntrase nos últimos vinte anos da vida do poeta, que segundo Bisquert “son os máis intensos e creativos”. O director confesou que fixo este filme para “recuperar a memoria dun home que, tras a súa morte, foi esquecido”. Para min é como a Rosalía en Galicia”, comentou, reivindicando a súa figura para as novas xeracións.
Sobre como chegou Bisquert a ter unha relación estreita con Ourense explicou que “foi por amor”. Coñeceu á súa muller nun encontro de cine en Santiago no ano 1988, e desde entón mantén un vínculo especial coa provincia. Instalouse en Armariz, no concello de Nogueira de Ramuín, no ano 2000, e aí viviu ata que en 2014 volveu a Euskadi. Agradeceu ao festival por traelo de volta e lembrou con agarimo a súa primeira visita ao OUFF, hai uns anos, cando presentou a súa primeira curtametraxe.







