
- O arquivo do pintor Xavier Pousa xunto con gravacións actuais de Manuel Buciños son as protagonistas desta nova creación audiovisual
- Pablo Gómez Sala e Sara Blas Bolonio son os encargados de dirixir e guionizar esta peza tan especial
Almas ao unísono é un proxecto de Pablo Gómez Sala e Sara Blas Bolonio que se presentou esta mañá no Ceres 1894. É a última das presentacións que esta 30 edición do OUFF · Ourense Film Festival acolle dentro da sección Xanela, que acolle producións que están en proceso de creación nestes intres.
Os directores e guionistas comentaron que estaban moi contentos con esta produción e con estar no festival, tras ser presentados por Marcos Vázquez, director técnico do OUFF, e por Sonia Torre, coordinadora de actividades paralelas.
Almas ao unísono pon o foco no proceso creativo como acto de memoria, afecto e expresión artística. O escultor Manuel Buciños, que estivo presente no acto, rende homenaxe á amizade co pintor Xavier Pousa, falecido hai vinte e catro anos. O arquivo do artista de Tomiño serve de punto de partida a esta obra, que espera estar finalizada para setembro do ano que vén.
Para Sara Blas foi toda unha experiencia meterse no “arquivo doméstico de Xavier Pousa. Foi un dos máis grandes que vimos nunca, xa que conta con máis de 20 anos de gravacións”. A directora quixo engadir que, ademais, é especial porque “vai máis alá do doméstico, que é o habitual. Ten moito da vida política, social e cultural”.
O seu compañeiro de traballo Pablo Gómez comentou tamén que “cando empezamos a traballar co arquivo para dixitalizalo, vimos máis alá da súa obra e da súa vida. Descubrimos unha estreita relación entre o seu ollo pictótico e o seu ollo fílmico”. Para o cineasta, esta relación non era intencionada, pero “como paisaxista do doméstico, imos a vincular este legado e vencellalo co fílmico”.
A través dun arquivo excepcional e das grabacións que fixeron directamente no taller de Manuel Buciños recentemente, a película recupera os espazos que inspiraron a súa obra e a transformación de Galicia ata a democracia, debuxando un relato coral sobre amizade, arte e memoria.







