
- Os equipos competían por un primeiro premio de 600€ e un segundo premio de 300€
- Os traballos exhibíronse esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta tarde a presentación dos proxectos participantes en Faíscas. Os equipos presentaron os traballos que estiveron a gravar durante esta semana na cidade, compartindo as súas experiencias, aprendizaxes e as historias que deron forma ás súas creacións audiovisuais, nun acto cheo de emoción e de talento novo. O traballo gañador foi: Rúa Nosa, mentres que o segundo premio foi para Anoitecer.
Pola súa parte, o director artístico do festival, Óscar Doviso, foi o encargado de valorar a actividade e de “dar os parabéns a tódolos equipos, cada un contou a súa historia. A competencia non é o importante” destacando o compromiso dos participantes neste “xogo de aprendizaxe”. Pola súa banda, Tomás Lijó, coordinador da actividade, sinalou que “foi moi bonito ver como traballastes e o entusiasmo que puxestes. O resultado é o de menos nestas cousas”.
Rúa Nosa
Andrea Varela, representante do equipo, definiu o proxecto como unha curta con tres protagonistas, tres mulleres que intentan renomear as rúas de Ourense con nomes de mulleres ovidadadas: unha historia ficticia feita a partir dunha investigación de Calpurnia Abana.
Lúa de sangue
Pablo Galdeano foi o responsable de presentar o proxecto: unha curta que narra a historia de dous protagonistas, entre os cales destaca unha meiga que vive infiltrada na sociedade. Acompañaremos as súas aventuras e presenciaremos as reaccións daqueles que a rodean ó descubrir a súa verdadeira identidade.
Anoitecer
Segundo explicou Rodrigo Chapela Calo, o último dos proxectos é un falso documental que narra as vivencias dun músico marcado polo fracaso, amosando o seu día a día e os seus esforzos por comercializar unha música que apenas logra aceptación.







