
- O filme foi a escollida para a proxección no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar como parte da iniciativa de OUFF Social
- Norberto López Amado conversou con Gerardo Sánchez, director do programa de televisión Días de cine, no Foro de La Región
Norberto López Amado, director do filme El cuento del lobo, estivo esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel para presentar o seu traballo despois da súa proxección onte no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar como parte da iniciativa OUFF Social. Segundo explicou, é a primeira vez en moitos anos que escribe o guion dunha película, inspirado na obra teatral Dudas razonables, o que lle permitiu vivir unha experiencia profundamente enriquecedora da que xurdiu un texto especialmente íntimo e persoal.
O filme, protagonizado por María Romanillos e Paco Tous, transformouse nunha proposta íntima e emocional, rodada íntegramente en Tenerife mediante longuísimos planos secuencia. O director destacou que o máis fermoso da experiencia foi precisamente a dificultade: contaban con escasos medios e pouco tempo, circunstancia que, lonxe de limitar, fixo medrar a película ata converterse nun dos traballos máis emocionantes da súa carreira.
El cuento del lobo é unha película que aborda os malos tratos e a rutina nas relacións de parella. A historia arrinca cun vínculo xa esgotado entre un profesor universitario e unha xornalista frustrada, dúas persoas atrapadas nunha relación morta. A través da protagonista, o espectador percorre unha vida construída sobre mentiras que todos ás veces nos contamos a nós mesmos para poder seguir adiante. Como ela mesma expresa nun momento clave do filme: «Por que mentimos? Para sobrevivir».
Foro La Región
Norberto López Amado tamén tivo ocasión de conversar con Gerardo Sánchez, director do histórico programa de televisión Días de cine, que estivo en Ourense para participar no Foro de La Región con motivo do OUFF. Sánchez, que faló da orixe do seu amor polas películas, subliñu que o cinema é un arte porque «o importante non é o que contamos, senón como o contamos». «Calquera historia pode ser sublime según como se conte», engadiu.







