9 de Outubro de 2025
  • Luis Menor anunciou as datas da 31 edición do festival: do 25 de setembro ao 4 de outubro de 202
  • A 30ª edición do OUFF logrou incrementar a asistencia nun 50% respecto ao 2024

O OUFF · Ourense Film Festival presentou esta mañá o balance da 30ª edición do festival, unha edición marcada pola alta calidade dos filmes seleccionados e pola gran asistencia do público en todas as actividades programadas. No acto, celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, estiveron presentes Óscar Doviso, director artístico do festival; Marcos Vázquez, director técnico do OUFF; e Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense.

Óscar Doviso foi o encargado de presentar os datos ante os medios de comunicación no Centro Cultural Marcos Valcárcel, facendo fincapé no gran dato: «o festival foi un éxito rotundo, incrementamos nun 50% a asistencia respecto ao ano anterior», afirmando que «non se pode pedir máis». Ademais, explicou, «cumprimos o noso compromiso, prometimos abrir novos camiños para que o OUFF chegase ás novas xeracións e así o fixemos», e do mesmo xeito, «asentamos ao público de mediana e terceira idade», afirmou. 

Os datos falaron claro, o festival bateu récords de participación, superando as 15.000 persoas ao longo de todas as seccións programadas. A Sección Oficial Internacional reuniu 3.802 asistentes, mentres que a exposición Making Movies contabilizou, ata o momento, 3.556 visitantes. Pola súa parte, as actividades paralelas sumaron 6.334 participantes. A estes datos aínda se engadirán os que están por completar nas actividades que restan do festival, coas que o número total de espectadores superará con folgura os 15.000. 

E é que o Ourense Film Festival continúa a súa programación: mañá, ás 20:30 horas, proxectarase no Teatro Principal a película sorpresa destinada ás persoas que completaron os 10 selos do Bonodez+. Como novidade, permitirase o acceso a quen reúna dez selos entre dous bonos, cunha única entrada por persoa. Ademais, aínda están pendentes actividades de OUFF Escola, a presentación do libro conmemorativo dos 30 anos do OUFF e a exposición Making Movies, que permanecerá aberta ao público ata o 2 de novembro.

Luis Menor anunciou as datas da 31 edición do OUFF

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis Menor, destacou éxito de público do OUFF como «un logro que hai que poñer en valor nunha cidade que demanda cultura». Tamén reafirmou o apoio institucional da Deputación ao OUFF, destacando o «recoñecemento social» que acadou o festival, «indo máis alá do cine, con actividades paralelas de éxito para todos os públicos». Tamén definiu o festival como «sinal de identidade» da provincia.

Menor puxo en valor novidades como a «sustentabilide» potenciada dende o OUFF, co uso de vehículos eléctricos, botellas de cristal ou papel reciclado. Ademais, anunciou as datas da próxima edición, a número 31: celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro de 2026.

Óptimos resultados da estratexia de comunicación 

Cómpre destacar o notable impacto que tivo o OUFF nas redes sociais. En Instagram acadáronse 1.000.000 visualizacións, cun incremento do 20,5 % en novos seguidores. Un dato especialmente significativo son as 544 solicitudes atendidas a través desta plataforma, o que demostra que todas as persoas que tiveron dúbidas recibiron resposta, nun rango de idade comprendido entre os 25 e os 54 anos. En Facebook, atendéronse 90 solicitudes, cun público maioritariamente maior de 25 anos.

En canto á procedencia do público alcanzado nas redes sociais, a maior parte das visualizacións proveñen de España, aínda que tamén se rexistrou impacto en países como Portugal, México, Estados Unidos, Francia, Brasil e o Reino Unido, o que reflicte a dimensión internacional que está a acadar o festival.

Segundo palabras de Doviso «este éxito responde á elección dunha estratexia de comunicación acertada, xa que para o OUFF non só era fundamental contar cunha programación de calidade, senón tamén saber transmitila». Por iso, traballouse con moita antelación para definir como chegar ao maior número posible de persoas.

Neste sentido, destacan dous datos clave: realizáronse 70 convocatorias a prensa e enviáronse 90 notas de prensa, o que permitiu unha ampla cobertura en medios audiovisuais, impresos e dixitais. O festival conseguiu así traspasar fronteiras, chegando máis alá da provincia, de Galicia e mesmo do país.

En todo isto axudou de maneira decisiva, segundo palabras de Óscar Doviso, «a nova linguaxe visual desenvolvida por Blau Estudio, de Miguelanxo Carvalho: unha liña gráfica que dotou ao festival dunha identidade á súa altura, especialmente útil para executar con maior precisión a estratexia de comunicación».

Por outra banda, a páxina web do OUFF rexistrou 35.000 sesións e 85.000 páxinas vistas, cifras moi positivas tendo en conta que se trata dunha plataforma de recente creación. Estes resultados avalan o seu potencial de crecemento, especialmente de cara ao 2026, ano no que continuará evolucionando e ampliando os seus contidos.

Unha programación de calidade avalada polos espectadores 

Na Sección Oficial Internacional, cinco das doce películas programadas superaron a puntuación media de 4, destacando especialmente Io e Il Seco, gañadora do Premio do Público, que acadou unha valoración de 4,67. A nota media global da sección situouse en 3,8.

Pola súa parte, a Sección Oficial Panorama Galicia sorprendeu cunha excelente acollida: oito dos dez filmes superaron a puntuación de 4, e Te separas mucho, recoñecida co Premio do Público nesta categoría, obtivo unha destacada nota de 4,76. A media total da sección foi de 4,3.

Estes resultados «reflicten claramente a percepción da cidadanía sobre a elevada calidade da programación ofrecida nesta edición do festival», explicou o director artístico do festival.