
- O acceso só foi concedido aos espectadores que completaron os 10 selos do Bono10+, símbolo da súa fidelidade ao certame
- A proxección no Teatro Principal servirá como preestrea do filme, que se exhibirá nas salas comerciais dentro de sete semanas
O OUFF prolonga a festa do cinema máis aló do seu calendario oficial cunha actividade moi especial: a proxección sorpresa, en exclusiva para toda España, de La voz de Hind, dirixida por Kaouther Ben Hania e producida por Joaquín Phoenix. Esta sesión, que tivo lugar no Teatro Principal ás 20:30 horas, está pensada como mostra de agradecemento á lealdade do público e estivo reservada só para aqueles espectadores que completaron o bono10+, con dez selos, ofrecéndolles acceso gratuíto a unha película de gran relevancia internacional que terá a súa estrea en cines dentro de sete semanas.
La voz de Hind relata unha historia real que pon sobre a mesa a situación que están vivir moitos nenos palestinos, presentando o seu sufrimento dende a perspectiva dunha nena de seis anos. Deste xeito, un dos datos máis relevantes desta obra é que se presentan audios reais nos que se escoita a voz Hind Rajab pedindo axuda mentres se atopaba atrapada nun coche, rodeada dos seus familiares mortos.
Segundo palabras de Kaouther Ben Hania, directora da película, «souben que tiña que facer este fime en canto oín un pequeno fragmento de Hind Rajab pedindo, simpemente, non quedarse soa», ademais, explica que, para ela, iso «se convertiu nalgo máis que o rogo desesperado dunha nena, sentiuse como a voz de Gaza pedindo axuda no baleiro, recibindo indiferencia e silencio».
Premio do Público en San Sebastián e ovación récord en Venecia
La voz de Hind emocionou tanto ao público como á crítica, deixando unha fonda pegada nos festivais onde se presentou. Estreada a principios de setembro no Festival de Venecia, a película foi recoñecida co Gran Premio do Xurado e protagonizou a ovación máis longa da historia do certame, cunha duración de 24 minutos. Ademais, foi galardoada co Premio do Público no Festival de San Sebastián e co Premio Agenda 2030 Euskadi Basque Country, concedido polo Goberno Vasco no marco do mesmo festival.
O OUFF · Ourense Film Festival non rematou, aínda están pendentes actividades de OUFF Escola, a presentación do libro conmemorativo dos 30 anos do OUFF e a exposición Making Movies, que permanecerá aberta ao público ata o 2 de novembro.







