
- O festival incorpora o OUFF Theme, creado por Jose Manuel Cancela, e unha versión remix asinada por John Axiom, dúas pezas que xa podes escoitar na nosa web
O Ourense Film Festival conta cunha nova identidade sonora dende o seu 30º aniversario. O compositor de cine e televisión Jose Manuel Cancela foi o encargado de crear o OUFF Theme, unha peza pensada para representar o espírito do festival e que se presentou en exclusiva na última edición. O músico explica que “para min foi un orgullo que mo encargaran. Tiña o obxectivo de crear unha peza que fora identificable e que nos levara á música de cine. Que fora algo recordable e creara emocións, como cando viamos as películas de nenos”.
Cancela, gañador de cinco premios Emmy e colaborador de artistas como Celia Cruz, Jennifer López, Marc Anthony ou U2, é autor de bandas sonoras presentes en producións como Creed, Focus, Ray Donovan ou The Last Narc. Afincado en Los Ángeles pero cun forte vínculo con Galicia, o tema leva un toque da terriña que adoita incorporar ás súas composicións e que lle serve para recordar as súas raíces.
O OUFF Theme complétase cunha versión remix asinada polo produtor e DJ ourensán John Axiom.
Coñeces esta peza? Escoita aquí a versión orixinal:







