
-
Esta homenaxe coincide co 120 aniversario do nacemento do recoñecido director
-
O OUFF comeza a dar as primeiras pistas sobre a programación da súa 31 edición
O Ourense Film Festival (OUFF) de 2026 xa está en marcha. Como primeira nova desta 31 edición está que dedicará a súa sección Agarimo ao lexendario cineasta Billy Wilder, coincidindo co 120 aniversario do seu nacemento. Este ciclo, creado para recoñecer con tenrura e respecto a figuras inesquecibles do cinema e da cultura, celebrará o legado dun dos directores e guionistas máis influentes da historia do cine internacional.
O festival programará durante a súa celebración deste ano, que terá lugar en Ourense do 25 de setembro ó 4 de outubro de 2026, un ciclo especial con cinco películas dirixidas por Wilder. Trátase dunha selección de pezas que percorre a traxectoria do director e que quere amosar a súa capacidade única para combinar humor ácido, crítica social e unha mirada profundamente humana.
Un legado inesquecible
O OUFF convidará ao público ourensán a revisitar cinco títulos fundamentais da súa filmografía, que serán anunciados proximamente, nun ciclo que permitirá apreciar o seu talento narrativo e a súa capacidade para retratar, con ironía e lucidez, as luces e sombras da condición humana.
Ao longo da súa carreira, Billy Wilder gañou seis premios Oscar, con 21 nomeamentos, por obras mestras como El apartamento (The Apartment), El crepúsculo de los dioses (Sunset Boulevard) e Días sin huella (The Lost Weekend). A súa filmografía, marcada por diálogos brillantes e unha visión lúcida da sociedade estadounidense, deixou títulos tan icónicos como Con faldas y a lo loco (Some Like It Hot) ou Sabrina, títulos que continúan a influír xeracións de cineastas e espectadores.
Agarimo: unha sección para celebrar a memoria cultural
Agarimo naceu como unha sección destinada a recoñecer figuras relevantes e inesquecibles do cinema e da cultura, destacando o seu legado desde unha perspectiva afectuosa e de gratitude. Na súa primeira edición, no 2025, o OUFF homenaxeou a Angela Lansbury e Carmen Martín Gaite, celebrando as súas traxectorias a través de ciclos e proxeccións especiais con acceso libre. Co anuncio desta novidade, o OUFF comeza a dar a coñecer as primeiras pistas sobre como será a súa 31 edición. O equipo do festival xa está a traballar para poder ofrecer un evento de calidade ó público galego.







