
-
O artista Xosé Poldras presentará a súa nova obra en maio
-
O novo espazo cultural Tanco e a libraría Eixo serán os puntos de encontro para as primeiras citas
Dende o Ourense Film Festival conmemoramos o Día do Libro anunciado a estrea en maio do ciclo de encontros literarios da 31ª edición do certame. Co propósito de explorar as fronteiras entre a narrativa escrita e a cinematográfica, o OUFF levará o espírito do festival ás librarías da cidade.
A programación arranca a inicios de maio e o segundo encontro será para o mes de xuño. As presentacións terán lugar en distintos puntos da cidade, empezando polo espazo cultural Tanco e a libraría Eixo.
A primeira presentación literaria do OUFF será Contaaluz, un compendio de gravados de Xosé Poldras, artista especialista en gravado e arte contemporárea, co textos de Valentín Barreiros Bermejo e David G. Couso. Cunha ampla traxectoria que ten levado as súas obras a salas de exposicións de media Europa, Poldras presentará a súa nova obra acompañado polo director artístico do OUFF, Óscar Doviso.
O encontro terá lugar no novo espazo cultural da libraría Tanco, o vindeiro luns 4 de maio ás 19:30 h.
A segunda cita dos encontros literarios do OUFF terá lugar na libraría Eixo.
Con esta programación, o OUFF reafirma o seu compromiso coa dinamización cultural de Ourense. O festival non só é un escaparate de proxeccións, senón un foro de pensamento onde o cinema conversa coas demais artes. Estes encontros literarios pretenden converterse nunha cita fixa no calendario da cidade, achegando a reflexión cinematográfica ao formato papel.
As sesións están abertas ao público ata completar aforo. Deste xeito continúase coas actividades da 31 edición do festival, que se celebrará entre o 25 de setembro e o 4 de outubro deste ano.







