
-
Xosé Poldras presentou a súa carpeta Contaaluz de tres gravados e tres textos do propio Poldras, Valentín Barreiros Bermejo e David G. Couso na libraría Tanco
-
Contaaluz propónnos unha viaxe por tódalas innovacións do pre-cine que levaron aos irmáns Lumière a inventar o cinematógrafo.
O novo espazo cultural da libraría Tanco vestiuse de gala para acoller o acto que supuxo o inicio da 31ª edición do Ourense Film Festival. O protagonista foi o recoñecido artista Xosé Poldras que, neste primeiro encontro literario do OUFF, presentou a súa carpeta de gravados Contaaluz.
Este traballo a tres mans —conta con textos de Valentín Barreiros Bermejo e David G. Couso— explora e investiga todos aqueles avances, máis ou menos tecnolóxicos, nas áreas da fotografía, da literatura, das artes escénicas, etc., que levaron os irmáns Lumière a ser capaces de proxectar imaxe en movemento en xaneiro de 1896. Así, o lector ‘viaxa’ por este tríptico, entre textos e gravados, por séculos de historia que supuxeron a base do que hoxe entendemos como cine.

David González Couso, Xosé Poldras e Valentín Barreiros
Tres visións do pre-cine
Valentín Barreiros, escritor e investigador cinematográfico, colabora nesta carpeta de Poldras cun texto que revisa desde o que é a primeira manifestación artística do ser humano, as Covas de Altamira, ata as investigacións do pai Mariano Díez Tobar, que apuntan a que ‘regalou’ a idea do cinematógrafo aos Lumière.
Pola súa banda, David G. Couso quixo afondar na relación entre literatura e cine, fixándose concretamente na xeración de narradores e narradoras dos anos 50, os coñecidos como Partidarios da felicidade. Explora o xeito no que autores como Jesús Fernández Santos, Carmen Martín Gaite ou Ana María Matute introducen na literatura estratexias propias da linguaxe cinematográfica.
Finalmente, Xosé Poldras atopa a inspiración para a creación desta carpeta no traballo fotográfico de Eadweard Muybridge, que realizou un experimento visual para analizar o galope dun cabalo. Esta proba supuxo o xerme de futuros traballos dentro deste campo de estudo que serían clave para a invención do cinematógrafo dos irmáns Lumière. A partir deste momento histórico, Poldras realiza tres gravados nos que recolle outros momentos cumio na historia do pre-cine: Altamira e a representación das historias que conforman o cine dos nosos tempos.

Gravados de Xosé Poldras
Este primeiro encontro literario inaugura as actividades programadas dentro da 31ª edición do OUFF, que terá a súa próxima cita o xoves 7 de maio, coa presentación do ciclo de cine dedicado a Edgar Neville.







