6 de Maio de 2026
Faíscas
  • Os equipos participantes convivirán, gravarán e montarán as súas pezas en verán, do 25 ao 30 de xuño

  • O alumnado da Escola Superior de Arte Dramático (ESAD) de Galicia poderá participar como intérpretes nos proxectos

  • A cineasta galega Zeltia Outeiriño será a titora da actividade

O OUFF · Ourense Film Festival pon en marcha a segunda edición de Faíscas, a súa residencia audiovisual para mozos creadores de entre 18 e 30 anos. Tralo éxito de 2025, o concurso regresa con dúas novidades clave: trasládase ao verán e abre a porta á participación do alumnado da Escola Superior de Arte Dramático (ESAD) de Galicia como intérpretes nas obras que se desenvolvan durante a residencia.

Ademais, este ano a actividade estará coordinada pola cineasta galega Zeltia Outeiriño. Outeiriño, que vén de gañar o premio Mestre Mateo 2025 ao mellor documental por Filmei paxaros voando, xa participou na última edición do OUFF precisamente con esta película, que puido verse na Sección Oficial Panorama Galicia fóra de competición.

Un verán para crear cine desde Ourense

Durante seis días, do 25 ao 30 de xuño, os catro equipos seleccionados para participar en Faíscas convivirán nunha residencia audiovisual con pensión completa mentres gravan e montan unha peza de entre 3 e 15 minutos, rodada íntegramente en Ourense e arredores. As obras poderán ser de ficción, documentais ou reportaxes e deberán estar realizadas en galego. O día 30, antes das 20:00 horas, deberán entregar a primeira versión da obra.

Durante a residencia, os participantes contarán con titorías diarias e unha masterclass impartida por un profesional do sector.

Máis adiante, os equipos poderán traballar na posprodución das súas pezas, sen engadir novo material gravado, para proxectalas durante a semana do Ourense Film Festival, do 25 de setembro ao 4 de outubro.

Acordo coa ESAD: intérpretes para os proxectos

Unha das principais novidades da segunda edición de Faíscas é o acordo acadado coa Escola Superior de Arte Dramático (ESAD) de Galicia, que permitirá que o seu alumnado participe como intérpretes nos proxectos do concurso. Como explican desde a dirección do festival, Faíscas “abre a posibilidade de participación ao alumnado de interpretación da ESADG que queira ter a oportunidade de traballar na realización dun proxecto en residencia artística durante unha semana, con aloxamento, manutención e unha titoría a cargo dunha profesional do sector audiovisual galego”.

Entre o 2 e o 7 de xuño, os equipos seleccionados para a residencia poderán escoller ata tres intérpretes entre as candidaturas recibidas desde a escola.

Inscrición aberta ata o 24 de maio

Os equipos que queiran participar, de ata cinco persoas e con idades entre 18 e 30 anos, poden inscribirse ata o 24 de maio ás 23:59 horas. A organización seleccionará catro proxectos atendendo á calidade da proposta, a súa viabilidade e a súa adecuación aos valores arquitectónicos, sociais, históricos, artísticos, etnográficos ou naturais do entorno ourensán.

As obras finais exhibiranse durante a 31ª edición do OUFF, onde tamén se anunciarán os gañadores nun evento especial. Haberá un primer premio de 600 euros e un segundo de 300 euros. Faíscas é a residencia audiovisual do Ourense Film Festival pensada para impulsar a creación audiovisual entre os mozos e poñer en valor a provincia como escenario de rodaxes cinematográficos.

Consulta as bases completas