
-
Os equipos responsábeis do proxectos gravarán e montarán as súas pezas en só 6 días, ademais de convivir durante ese tempo
-
A cineasta Anxos Fazáns(na foto) daralles unha masterclass sobre o proceso de rodaxe na xornada inaugural da actividade, o 25 de xuño
-
Faíscas é a residencia audiovisual do Ourense Film Festival para impulsar a creación audiovisual entre os mozos
A segunda edición de Faíscas, a nosa residencia audiovisual, contará con tres equipos que rodarán na cidade de Ourense e os seus arredores dous falsos documentais, un deles en clave de comedia, e unha curta. Farano nun prazo máximo de 6 días, dende o 25 de xuño ata o 30 de xuño, e coa guía da cineasta Zeltia Outeiriño, que titorizará a actividade, e da tamén cineasta e produtora Anxos Fazáns, que impartirá unha masterclass na xornada inaugural.
Estes son os proxectos seleccionados para participar en Faíscas:
- Kynós, do produtor Marcos Ares. Neste falso documental, un vagabundo guía aos espectadores polos lugares da cidade de Ourense que teñen valor emocional para el. Durante o día, convértese nun observador culto e enigmático. Pola noite, a cámara ensina a crudeza da súa realidade na rúa.
- Só ida, do produtor Álvaro Pombo Feijoó. Esta curta segue a un mozo dunha vila de Ourense que viaxa á cidade para gañarse a vida xunto ao seu tío. Alí espéranlles unha serie de traballos fracasados e situacións absurdas.
- The making of Machada Sanguínea 4: O leñador eterno, do produtor Daniel Sabucedo Sequeiros. Comedia rodada como falso documental, e coa estética de película slash dos 80, que protagoniza un lobishome convertido en asasino en serie de adolescentes, quen, mentres acecha a un novo grupo de vítimas, conta a súa historia e fala con outras lendas do folclore galego.
Cada un dos equipos está integrado por mozos de entre 18 e 30 anos, que ademais de rodar e montar as súas pezas, convivirán durante unha semana nun aloxamento de Ourense (Grelo Hostel) e terán titorías diarias coa cineasta Zeltia Outeiriño (Filmei paxaros voando).
Polo momento, o seguinte paso para eles será escoller aos alumnos da Escola Superior de Arte Dramático (ESAD) de Galicia que participarán como intérpretes nas súas pezas, grazas a un acordo do OUFF coa escola.
Masterclass con Anxos Fazáns
A cineasta e produtora Anxos Fazáns, guionista e directora de As liñas descontinuas e A estación violenta, entre outros traballos, será a encargada de inaugurar a nova edición de Faíscas. A realizadora impartirá unha masterclass inicial centrada nos proxectos dos equipos participantes. Fazáns compartirá unha mirada profesional sobre o proceso creativo e os retos da rodaxe.
A cita será o 25 de xuño no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992) é guionista, directora e produtora. O seu último traballo, As liñas descontinuas (2025), gañou o Premio DAMA ao Mellor Guión de Película Española no Festival Internacional de Cine de Gijón (FICX). Tamén dirixiu a longametraxe A estación violenta (2017) e as curtas Area (2016), Analógica (2019) e Habitar (2023). Dende 2018 dirixe a produtora Sétima xunto con Silvia Fuentes.
Os traballos que se roden en Faíscas poderán verse na 31ª edición do OUFF Ourense Film Festival, do 25 de setembro ao 4 de outubro, nun evento especial.







