16 de Xuño de 2026
Presentación ciclos en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual
  • O ciclo Anímate ao Cine comeza o vindeiro 22 de xuño ás 20:00 h con Decorado, do cineasta galego Alberto Vázquez no Teatro Principal de Ourense

  • A quinta edición do Ciclo Mestre Mateo chegará aos concellos de Allariz, A Arnoia, A Veiga, Cartelle, Cea, Celanova, O Pereiro de Aguiar e Ribadavia

O director do OUFF, Óscar Doviso, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, e o membro da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual, Milo Baños, presentaron esta mañá unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo na provincia e o novo ciclo Anímate ao Cine, dúas iniciativas que reforzan a colaboración entre ambas institucións para achegar o audiovisual á cidadanía de toda a provincia.

A principal novidade deste ano é Anímate ao Cine, un ciclo de cinema de animación que terá lugar no Teatro Principal de Ourense e que nace co obxectivo de achegar ao público unha mostra da diversidade e da calidade da animación que se produce actualmente en España. A iniciativa forma parte das actividades impulsadas arredor do Encontro de Academias, unha cita que organiza a Academia Galega do Audiovisual e que reúne ás academias cinematográficas dos distintos territorios do Estado para compartir experiencias, identificar retos comúns e fortalecer a cooperación entre institucións do sector audiovisual.

O ciclo, que coincide coa décima edición do Encontro de Academias, reunirá no Teatro Principal de Ourense catro películas de animación recoñecidas polas diferentes entidades cinematográficas do Estado.

Programación completa para tódolos públicos

22 de xuño · 20:00 h — Decorado

  • Non recomendada para menores de 16 anos.
  • Premio Goya á Mellor Película de Animación.

Do cineasta galego Alberto Vázquez, trátase dunha obra de animación adulta, de humor ácido e atmosfera inquietante, que marca o ton da diversidade do ciclo.

23 de xuño · 17:30 h — El tesoro de la Barracuda

  • Para todos os públicos
  • Premio da Academia Valenciana Lola Gaos ao Mellor Longametraxe de Animación

Unha aventura luminosa e accesible, perfecta para público familiar.

1 de xullo · 20:00 h — Bella

  • Non recomendada para menores de 12 anos
  • Premio ao Mellor Longametraxe de Animación da Academia de Andalucía (Premios Carmen)

Un relato emocional e visualmente coidado que conecta con espectadores novos e adultos.

2 de xullo · 17:30 h — Olivia y el terremoto invisible

  • Non recomendada para menores de 7 anos
  • Premio ao Mellor Longametraxe de Animación dos Premios Gaudí (Academia do Cinema Catalán)

Unha proposta pensada para público infantil, cunha historia sensible e chea de imaxinación.

Todas as sesións serán gratuítas, pero será necesario retirar entrada previamente. As entradas poderán adquirirse a través da páxina web do Teatro Principal de Ourense, en ataquilla.com, ou na propia billeteira do teatro antes de cada proxección.

Cinema galego en oito concellos da provincia

Xunto a esta proposta, a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Ourense impulsan unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo, o circuíto de exhibición que leva ás vilas galegas as producións máis destacadas do audiovisual do país.

O ciclo celebra este ano a súa quinta edición e chegará aos concellos de Allariz, A Arnoia, A Veiga, Cartelle, Cea, Celanova, O Pereiro de Aguiar e Ribadavia, reforzando o acceso á cultura e ao cinema galego en localidades que non contan cunha oferta estable de exhibición cinematográfica.

A programación estará integrada polas oito longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo 2026 nas categorías de ficción e documental: Sirât, Antes de nós, As liñas descontinuas, San Simón, 360 curvas, O son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado.

Un proxecto consolidado

O Ciclo Mestre Mateo continúa a medrar na provincia grazas á colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Ourense. Nas súas catro primeiras edicións realizáronse 160 sesións de cinema, cun total de 4.538 espectadores e espectadoras e unha media de 29 asistentes por proxección.

Durante a presentación, Milo Baños destacou que «un dos obxectivos fundamentais da Academia é facilitar o acceso da cidadanía ao cinema que se produce hoxe en Galicia e garantir que a oferta cultural chegue tamén ás persoas que viven fóra dos grandes núcleos urbanos».

Pola súa parte, Óscar Doviso subliñou que «con Anímate ao Cine abrimos a programación a públicos de todas as idades e ofrecemos a oportunidade de descubrir un cinema de animación que vive un gran momento creativo e conta cunha presenza cada vez maior en festivais e premios. Esta iniciativa encaixa ademais co noso compromiso de achegar o cinema a toda a cidadanía».

César Fernández destacou que «este proxecto é un exemplo da cooperación institucional para democratizar o acceso á cultura e o Ciclo Mestre Mateo permite achegar o cinema ás persoas que viven en concellos sen salas de exhibición».

Toda a información sobre horarios e programación do Ciclo Mestre Mateo poderá consultarse na páxina web ciclomestremateo.gal.