17 de Xullo de 2026
  • Entre as actividades do OUFF, o vindeiro 7 de agosto celebrarase un torneo de duelos un contra un onde os participantes desfrutarán en primicia deste lanzamento e optarán a grandes premios.
  • Dende o OUFF conmemoramos o cuarto de século da estrea de El Señor de los Anillos cunha programación especial que inclúe este gran torneo e a exposición temática Terra do Anel.

A maxia da mítica Terra Media únese ao cinema e aos xogos de estratexia en Ourense. Dende o OUFF · Ourense Film Festival na nosa andaina cara á 31ª edición, colaboramos co establecemento Júpiter Juegos Ourense para organizar un evento moi especial: a presentación oficial da nova e esperada colección de cartas de Magic: The Gathering baseada no universo de The Hobbit. Estas cartas forman parte do xogo de estratexia coleccionable máis famoso do planeta, no que os xogadores asumen o papel de magos e se enfrontan en duelos utilizando feitizos, conxuros e criaturas fantásticas.

A cita terá lugar o vindeiro venres, 7 de agosto, ás 16:30 horas. Trátase dun torneo en formato de duelos un contra un, deseñado tanto para xogadores experimentados como para afeccionados que queiran mergullarse de cheo nesta fantasía épica de J.R.R. Tolkien, que tanto camiño ten percorrido tamén no mundo do celuloide.

Este torneo de presentación enmárcase dentro das actividades especiais coas que dende o OUFF conmemoramos este ano o 25º aniversario da estrea nos cines da mítica saga de El Señor de los Anillos. Un fito que o festival celebra tamén a través doutras propostas estreitamente vinculadas á Terra Media, como a exposición temática Terra do Anel ou os dous concertos da OUFF Film Symphony, ofrecendo así unha homenaxe de película, completa e inmersiva, a unha das franquías máis influentes da historia do cinema.

Premios e sorteos exclusivos para os participantes

Todas as persoas que participen no evento recibirán, só por unirse á partida, o seguinte material de xogo:

  • Un kit de presentación oficial de The Hobbit.
  • Dous sobres de xogo da nova colección.

Ademais de asegurar o material de inicio, todos os xogadores inscritos entrarán de forma directa no sorteo de dous fantásticos premios que se resolverán durante a xornada:

  • Unha caixa de sobres de xogo completa de The Hobbit para levar a experiencia ao seguinte nivel.
  • Unha cea para dúas persoas no coñecido restaurante Fogar de Breogán (Santiso, Pontevedra). 

Inscricións e reservas

Ao tratarse dun evento con prazas limitadas, é absolutamente imprescindible realizar a reserva previa para garantir o oco no torneo. O proceso de inscrición xestiónase directamente a través de Júpiter Juegos Ourense polos seguintes canles:

  • Teléfono de contacto: 988 24 60 06
  • Correo electrónico: ourense@jupiterjuegos.com
  • Punto de venda física: Rúa Cardenal Quevedo, 8 (32004 – Ourense).

Con esta iniciativa, o festival non só rende homenaxe a unha das sagas cinematográficas máis importantes de todos os tempos, senón que continúa a estreitar lazos co tecido comercial local, ofrecendo alternativas de lecer novidosas, creativas e dinamizadoras para os e as ourensáns.