
-
Haberá tres percorridos gratuítos para descubrir os escenarios de rodaxe da provincia
-
Terán lugar durante o festival, os días 28 e 30 de setembro e 2 de outubro
Anunciamos unha nova edición da actividade paralela Roteiros de Cine, unha proposta xa consolidada nas últimas edicións do festival e que cada ano reúne a numeroso público. A provincia de Ourense convértese, unha vez máis, nun gran escenario ao aire libre a través de varias rutas cinematográficas que permite descubrir lugares que serviron de plató para películas e producións audiovisuais de distintas épocas.
Ao longo destes percorridos, os asistentes poderán coñecer como diferentes zonas da provincia, e tamén a cidade, se transformaron ante as cámaras para narrar historias de todo tipo. Ademais de identificar localizacións de rodaxe, as visitas inclúen curiosidades, anécdotas e detalles sobre as producións que escolleron Ourense como escenario. Unha experiencia diferente para amantes do cine e do patrimonio, que invita a ver a provincia cunha mirada diferente.

Roteiro de cine en 2025.
Tres percorridos pola memoria audiovisual da provincia
As visitas son gratuítas, de carácter lúdico e divulgativo e estarán dirixidas por Beatriz Rodríguez Álvarez e Olalla Lorenzo Sueiro. Contarán con traslados en autobús entre as distintas localizacións pero é necesario anotarse xa que as prazas son limitadas. Poden reservarse sitios a través do mail roteirosdecine@gmail.com ou nos teléfonos 690 813 726 e 988 215 465.
28 de setembro
- Saída: 9:00 h · Regreso: 17:15 h
- Localizacións: Melón, Camporredondo, Ribadavia, San Clodio, Pazos de Arenteiro e Moldes
- Obras homenaxeadas: A Esmorga, Cotolay, El desorden que dejas, Olvido y León, Los girasoles ciegos, Cuñados, Elisa y Marcela
30 de setembro
- Saída: 9:00 h · Regreso: 17:00 h
- Localizacións: San Pedro de Rocas, Allariz, Verín e Cabreiroá
- Obras homenaxeadas: Live is life, A lingua das bolboretas, Cuñados, La virgen del cristal, Me has robado el corazón, Vidago Palace
2 de outubro
- Saída: 9:30 h · Regreso: 16:30 h
- Localizacións: Ourense e Celanova
- Obras homenaxeadas: Los girasoles ciegos, A esmorga, 13 exorcismos, Cuñados, + Cuñados, O home e o can, Hospital Central, Pelerinaxes, Santoalla, Años después, Elisa y Marcela, El desorden que dejas, El bosque del lobo
Unha actividade xa emblemática do OUFF
Os Roteiros de Cine consolídanse como unha das actividades paralelas máis queridas polo público, combinando divulgación, patrimonio e cinema nun formato accesible e participativo. A iniciativa reforza o compromiso do OUFF coa promoción cultural da provincia e coa posta en valor dos espazos que forman parte da súa identidade audiovisual.







