
-
Debatirán sobre a evolución do xénero da animación nos últimos vinte e cinco anos
-
A cita será o venres 2 de outubro, no marco do festival
O OUFF · Ourense Film Festival acollerá, a través do Foro La Región, un debate sobre a enorme transformación que viviu o cinema de animación en España nos últimos vinte e cinco anos. A cita será o vindeiro 2 de outubro e contará con dous dos máximos expoñentes do xénero: o prestixioso director Enrique Gato, creador do famoso arqueólogo Tadeo Jones, e a recoñecida produtora e directora galega Chelo Loureiro. Ámbolos dous profesionais compartirán as súas impresións sobre unha maneira de contar historias que pasou de ser un xénero de nicho a transformarse nunha industria potente que non deixa de crecer ano tras ano.
Enrique Gato (Valladolid, 1977) é o creador e director da exitosa e histórica saga de Tadeo Jones, que este mércores estrea nos cine a súa cuarta entrega, Tadeo Jones y la Lámpara Maravillosa. O cineasta, que acumulou unha longa experiencia previa no mundo dos videoxogos antes de dar o salto ao celuloide, conta no seu palmarés con sete premios Goya, a maioría deles polas aventuras do famoso arqueólogo.
Pola súa banda, a produtora e directora Chelo Loureiro (Ferrol, 1958) é fundadora de Abano Producións e impulsora de producións como a longametraxe Valentina (2021), que ela mesma escribiu e dirixiu, e que contou coa colaboración da Deputación de Ourense e gañou o Goya ao mellor filme de animación.
A xuntanza no Foro La Región é un dos eventos habituais no OUFF · Ourense Film Festival. Nesta ocasión, serán dúas: a primeira, o martes 29 de setembro con director do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, José Luis Rebordinos, que vén de rematar a súa etapa ao frente do certame; e a seguinte, o venres 2 de outubro cos cineastas Enrique Gato e Chelo Loureiro.







