
-
A histórica sección do festival elimina as súas barreiras xeográficas para converterse nunha mostra do mellor cine recente, con pases en Galicine (CC Ponte Vella).
-
Napoli New York, de Gabriele Salvatores sobre un texto orixinal achado sete décadas despois, e The Man I Love, con Rami Malek, son os dous primeiros títulos desvelados.
Damos un salto de ambición nesta 31ª edición coa profunda transformación da nosa sección Inédito. Tradicionalmente vinculada a títulos xa comercializados en España que non chegaran ás liñas de exhibición da provincia, eliminamos este ano calquera barreira xeográfica para converter esta liña de programación nunha fiestra de grandes estreas autonómicas, nacionais e títulos sen distribución comercial prevista ata 2027. Tódalas proxeccións terán lugar en Galicine, os cines do centro comercial Ponte Vella.
Composta por un total de cinco longametraxes, desvelamos hoxe os dous primeiros títulos desta selección internacional que amosa o noso compromiso por traer a Ourense o mellor cinema recente antes do seu paso polas salas comerciais.
O milagre dun guión inédito de Fellini: Napoli New York
Un dos grandes fitos da edición será o debut absoluto en España de Napoli New York, dirixida polo cineasta italiano Gabriele Salvatores, gañador do Oscar por Mediterráneo. A gran singularidade do filme reside na súa orixe: o guión foi escrito en 1948 por Federico Fellini xunto ao seu amigo e histórico colaborador Tullio Pinelli, permanecendo inédito e gardado nun baúl durante case sete décadas. Non foi ata que Pinelli, aos seus 97 anos, lle confiou este baúl ao crítico e erudito Augusto Sainati cando o texto saíu á luz, converténdose en 2024 nunha longametraxe que xa acadou un éxito arrollador en Italia con máis de 5,3 millóns de euros de recadación en taquilla.
Ambientada a finais dos anos 40, a historia segue a Carmine e Celestina (de 12 e 9 anos), dous nenos da rúa napolitanos sen familia que embarcan clandestinamente nun buque rumbo a Nova York na procura dunha nova vida. En palabras do propio Salvatores, atopar este documento orixinal de 80 páxinas supuxo un auténtico milagre cinematográfico para levar á pantalla unha emotiva historia de supervivencia e esperanza.
Preestrea exclusiva de The Man I Love con Rami Malek
Acollemos tamén a proxección de The Man I Love, longametraxe protagonizada polo gañador do Oscar Rami Malek (Bohemian Rhapsody). Tras triunfar no Festival de Cannes e formar parte da sección Perlak do Festival de San Sebastián, traemos esta película a Ourense nunha oportunidade única para o público galego, xa que a súa chegada ás salas comerciais de cinema non está prevista ata o ano 2027.







