8 de Setembro de 2026
  • A programación completa desvelarase o vindeiro 21 de setembro, pero adiantamos un primeiro avance de altura con Terra Vil, Fjord e The Wolf, The Fox and The Leopard.

Comezamos a desvelar a programación da nosa 31ª edición cun avance da Sección Oficial Internacional, un dos piares fundamentais do certame. Dende o festival apostamos nesta edición por unha altísima calidade artística e pola diversidade de propostas, reunindo traballos persoais, óperas primas e cineastas de longo percorrido.

A selección ofrecerá un abano temático de gran riqueza: dende o cine social máis directo —con dramas que abordarán o maltrato, as adiccións ou a crise da vivenda— ata xéneros como o thriller, o suspense e a comedia que, sen perder a súa raíz social, achegarán dinamismo á competición.

Aínda que a programación completa se descubrirá o vindeiro 21 de setembro, confirmamos xa tres títulos de relevancia internacional que terán o seu marco de proxección en Ourense.

Tres estreas clave na nosa programación

Terra Vil (Luís Campos) · Estrea nacional e preselección aos Óscar
Ópera prima do director portugués Luís Campos, Terra Vil preséntase como un drama cunha posta en escena e unha fotografía extraordinariamente coidada. A película chega ao noso festival tras causar un gran impacto no Festival de São Paulo e ser preseleccionada pola Academia Portuguesa de Cinema para representar a Portugal na carreira cara ao Óscar á Mellor Película Internacional 2027.

O seu reparto destaca polo debut do xove William Cesnek, acompañado por Rúben Gomes e por Lúcia Moniz, unha das actrices máis recoñecidas do cine portugués (Love Actually, Fátima, Marea Negra).

Fjord (Cristian Mungiu) · A Palma de Ouro de Cannes chega a Galicia
Como xa é tradición, voltamos traer a Galicia a película gañadora da Palma de Ouro do Festival de Cannes. Tras o éxito da iraniana Un simple accidente na pasada edición, acollemos Fjord, a nova obra do romanés Cristian Mungiu, un dos dez únicos directores na historia do cine en obter dúas veces o máximo galardón de Cannes.

A película aborda con profundidade cuestións como a educación e a relixión, e conta cun reparto encabezado por Sebastian Stan (Cisne negro, saga Los Vengadores) e Renate Reinsve (La peor persona del mundo, Valor sentimental).

Fjord é a candidata oficial de Romanía aos Óscar 2027 e non se estreará nas salas comerciais de España ata xaneiro do vindeiro ano, polo que a súa proxección no OUFF será unha oportunidade única para o noso público.

The Wolf, The Fox and The Leopard (David Verbeek) · Estrea en España
O cineasta David Verbeek asina un drama pouco convencional e impredecíbel que se constrúe coma un conto de fadas escuro sobre a liberdade e a supervivencia.

Cunha potente presenza de efectos visuais, a historia segue os pasos dunha xove criada por lobos no bosque que se ve empurrada, contra a súa vontade, a enfrontarse á sociedade moderna e a un mundo ao bordo do colapso ambiental.

O filme, que terá no OUFF a súa estrea nacional, conta cunha inesquecíbel interpretación de Jessica Reynolds e coa participación da lenda do cine xaponés Naomi Kawase.