
-
Autoridades, patrocinadores, colaboradores e medios acompáñannos no inicio dunha nova edición na que anunciamos a composición dos xurados oficiais, o Premio Especial OUFF a Charo López e o Premio Chano Piñeiro a José Manuel Lorenzo.
Presentamos no Pazo de Vilamarín a 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival nun acto institucional que reuniu a autoridades, patrocinadores, colaboradores, medios de comunicación e a parte do noso equipo. Con esta presentación marcamos o inicio institucional dunha edición que celebraremos do 25 de setembro ao 4 de outubro, e que chega cargada de novidades, contidos e recoñecementos.
Avance de programación e xurados das seccións competitivas
O evento comezou coas palabras de benvida e agradecemento de Marcos Vázquez, director da área de Cultura da Deputación de Ourense e director técnico do OUFF. Tras el, o noso director artístico, Óscar Doviso, presentou as liñas principais da programación deste ano, subliñando a diversidade de actividades, a aposta pola memoria cinematográfica e a expansión territorial. Trala proxección dun vídeo cun avance das pezas e o agradecemento ás entidades colaboradoras, desveláronse os membros do xurado das tres seccións oficiais:
-
Sección Oficial Internacional: a actriz italiana Federica Sabatini (Suburra, Toy Boy), o produtor Pablo Barinaga (con experiencia en proxectos para Netflix, Disney+ e Amazon Prime Video), a actriz e dramaturga Marta Belenguer (Camera Café), o deseñador de vestiario Fernando García (gañador de dous Goya) e a directora de arte Ana Alvargonzález (recoñecida con premios Goya e Gaudí e colaboradora en Juego de tronos).
-
Sección Oficial Panorama Galicia: o xurado está presidido polo actor Francis Lorenzo, ao que acompañan a xornalista Amalia Enríquez (membro da Academia de Cine), o actor e director de dobraxe Luís Iglesia (en representación de AISGE), a cineasta Ariadna Silva Fernández (Premio Mestre Mateo, en representación de CREA) e a directora e investigadora Adriana Páramo (en representación de CIMA).
-
Sección Oficial de Curtametraxes: a actriz Chacha Huang (La casa de papel), a actriz Carla Nieto e o actor e cineasta Nani Matos (Fariña).
Óscar Doviso destacou que nesta 31ª edición propoñemos unha oferta ampla “na que teñen cabida persoas con diferentes inquedanzas culturais e cinematográficas”, e amosouse “moi feliz e motivado porque este ano damos un pasiño máis cara o nacional e comezamos a ter moito feedback de interese dende fora de Galicia”.
Apoio institucional da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense

En representación da Xunta de Galicia, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, subliñou que o noso encontro audiovisual é o máis lonxevo de cantos teñen lugar na Comunidade e situouno como a gran cita galega de carácter competitivo e referencia na promoción do cine galego, español e internacional. Pola súa banda, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, puxo en valor a colaboración de Turismo de Galicia destacando que o cinema é un motor de promoción turística e que “o audiovisual contribúe a proxectar a nosa identidade cara ao exterior”.
O acto concluíu coa intervención do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen remarcou que o OUFF representa o tipo de iniciativas culturais de calidade que xeran actividade, atraen talento e crean riqueza no territorio, contribuíndo a reforzar a marca Ourense.
Durante a súa intervención, Menor anunciou dous dos grandes homenaxes desta edición, que se suman á xa coñecida Calpurnia de Honra a Javier Gutiérrez: o Premio Especial OUFF para a actriz Charo López, recoñecendo a súa excepcional carreira no cine, teatro e televisión; e o Premio Chano Piñeiro para o produtor José Manuel Lorenzo, figura decisiva no desenvolvemento do sector audiovisual galego.
Tralas intervencións, autoridades, patrocinadores e equipo participamos nunha foto de familia e nun encontro ofrecido por Galicia Calidade no propio Pazo de Vilamarín, dando así o pistoletazo de saída a unha edición que reafirma o noso compromiso coa cultura e a proxección cinematográfica de Ourense.
> Todas as imaxes do evento pódense ver na nosa galería.







