
-
O debut na dirección do actor Jaime Lorente pechará a nosa 31ª edición o vindeiro sábado 3 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense.
Concedemos o Premio Ópera Prima desta 31ª edición á película El mal hijo, a obra coa que o actor Jaime Lorente dá o salto á dirección e guión de longametraxes. O filme será ademais o encargado de pechar a programación do certame na gala de clausura.
Trátase da cuarta distinción anunciada para esta edición —tras a Calpurnia de Honra a Javier Gutiérrez, o Premio Chano Piñeiro a José Manuel Lorenzo e o Premio Especial OUFF a Charo López— e constituirá a estrea da película en Galicia.
Unha aposta polo cinema social e autoral
Durante a presentación, o director artístico, Óscar Doviso, destacou o valor autoral e a profundidade da obra: «É un filme que condensa todo o que queremos tratar no OUFF: ten unha carga social potente, fala de adiccións e dos problemas familiares que acarrean. É unha película moi autoral e moi interesante».
Pola súa parte, o asesor de programación do festival, César Silva, afondou na calidade da proposta: «É unha película que nos sorprendeu, feita con moito rigor e con actores, como Susi Sánchez, que son unha gozada. Cumpre coa temática de cine social e conflitos familiares que se vén dando aos premiados nesta categoría nos últimos anos».
Ourense será a segunda cidade onde se poida ver o filme antes da súa estrea comercial o vindeiro 16 de outubro, tralo seu paso polo Festival de San Sebastián, onde Lorente opta ao premio de Novos Directores.
Sinopse e reparto
Baseada na novela homónima de Salvador Molina, a trama de El mal hijo trasládase a unha contorna rural para abordar a transmisión interxeneracional das feridas familiares e o peso das adiccións no contorno doméstico.
O elenco está encabezado por Miguel Ángel Puro, Susi Sánchez, Hugo Arbués, Óscar de la Fuente, Abel de la Fuente, Pedro Vega Fabelo e Naiara Carmona. O filme conta ademais coa participación do actor ourensán Chechu Salgado nun papel secundario, quen xa fora galardoado no OUFF en 2017.
Jaime Lorente, por dobre partida no OUFF 31
O director de El mal hijo recibirá a distinción como representante do filme o vindeiro sábado 3 de outubro ás 20:00 horas, xusto antes da proxección na gala de clausura no Auditorio Municipal.
Jaime Lorente, formado na Escola Superior de Arte Dramático de Murcia e cun mestrado pola UNIR, conta cunha recoñecida traxectoria no teatro, a televisión (El secreto de Puente Viejo, La casa de papel) e o cinema (Todos lo saben, Disco, Ibiza, Locomía). Nesta edición do OUFF estará presente por dobre partida, xa que tamén forma parte do reparto da película La silla, dirixida por Ángel de la Cruz e incluída na nosa programación.







