
-
Rafa Durán conducirá a Gala de Inauguración, mentres que Noelia Rey e Luis Larrodera serán os encargados de presentar a Clausura.
-
As dúas galas contarán de novo coa dirección e o guión de Iván Iglesias, consolidando un estilo propio que combina humor, ritmo e emoción.
Dende o OUFF · Ourense Film Festival anunciamos quen serán os mestres de cerimonias das dúas grandes galas da nosa 31ª edición, reforzando a nosa aposta por formatos vivos, dinámicos e pensados para o público. A Gala de Inauguración estará presentada por Rafa Durán, mentres que a Gala de Clausura contará cunha dupla de excepción formada por Noelia Rey e Luis Larrodera.
Iván Iglesias volve asumir a dirección e o guión das nosas galas oficiais, consolidando unha narrativa propia deseñada para poñer en valor o cinema e o talento que pasa polo noso festival.
Rafa Durán, presentador da Gala de Inauguración
Rafa Durán é un dos comunicadores máis versátiles do panorama galego. Presentador, cómico, improvisador e dinamizador de eventos, conta con máis de dúas décadas de experiencia en televisión, galas, congresos e espectáculos. O seu estilo familiar, espontáneo e cargado de humor permítelle conectar con públicos de todo tipo, convertendo cada intervención nunha experiencia dinámica, participativa e memorable.
Noelia Rey e Luis Larrodera, presentadores da Gala de Clausura
A Clausura estará conducida por dúas figuras de referencia no audiovisual galego e español. A xornalista e presentadora ourensá Noelia Rey consolidouse como un dos rostros máis recoñecibles da Televisión de Galicia desde a súa traxectoria en Malicia Noticias e A Grande Escolla, ademais de ser a encargada de presentar as Badaladas de Fin de Ano da TVG desde 2021. A súa simpatía, naturalidade e frescura fan dela unha das comunicadoras con maior proxección de Galicia.
Pola súa banda, Luis Larrodera é presentador, actor, humorista e locutor cunha sólida traxectoria en televisión e radio. Acadou unha grande popularidade ao poñerse á fronte do mítico Un, dos, tres… a leer esta vez, e máis tarde consolidou a súa carreira en formatos como Alta Tensión ou substituíndo a Jordi Hurtado en Saber y Ganar. A súa capacidade de improvisación e humor elegante fan del un dos comunicadores máis versátiles do panorama audiovisual.
Unha aposta pola identidade e o espectáculo
Co anuncio dos presentadores, reafirmamos a nosa aposta por galas vivas, participativas e pensadas para o público, nas que se combina profesionalidade, humor e unha posta en escena coidada para celebrar a gran festa do cinema en Ourense.







