
-
O ciclo reivindica o talento vinculado ao OUFF e recupera tres obras aínda inéditas en Ourense dirixidas por Ángel de la Cruz, Gabriel Azorín e Ángel Santos.
-
La silla formará parte da programación do OUFF Social e chegará ao Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar coa presenza do seu director.
Dende o OUFF · Ourense Film Festival presentamos unha nova edición de Colleita, a sección que naceu o pasado ano co obxectivo de recoller os froitos cinematográficos de cineastas que manteñen unha relación especial co certame. Baixo este nome renovado, Colleita convértese nun ciclo que reúne tres películas aínda non estreadas en Ourense, obras que representan a diversidade de miradas, estilos e sensibilidades de autores e autoras vinculados ao festival ao longo da súa traxectoria.
A sección quere reivindicar o valor das creadoras e creadores que, desde Galicia ou desde fóra, atoparon no OUFF un espazo de encontro, impulso e acompañamento. Colleita é unha celebración do talento que medra arredor do festival, das relacións que se consolidan edición tras edición e das obras que atopan no OUFF o seu lugar natural.
Tres películas, tres voces, unha mesma ligazón co OUFF
-
La silla – Ángel de la Cruz (2026): o guionista e director, figura histórica do audiovisual galego e colaborador habitual do festival, chega cun thriller protagonizado por Jaime Lorente, unha proposta de xénero que combina tensión, misterio e unha posta en escena de gran potencia narrativa.
Esta proxección ten ademais unha dobre relevancia: dentro da programación do OUFF Social, haberá un pase especial para os internos do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, onde o propio director, Ángel de la Cruz, acudirá para presentar a película e manter un coloquio cos asistentes.
-
Onte á noite conquistei Tebas – Gabriel Azorín (2025): rodada en Bande (Ourense), esta obra converteuse nun dos títulos máis destacados do cinema español recente, premiada no Festival de Venecia e na Seminci. Azorín ofrece unha proposta arriscada e profundamente cinematográfica que dialoga coa paisaxe ourensá e coa memoria do territorio.
-
Así chegou a noite – Ángel Santos (2025): o director galego, tamén vinculado ao OUFF desde hai anos, presenta a película que lle valeu o Premio ao Mellor Director no Festival de Gijón. Unha obra delicada, precisa e chea de sensibilidade que confirma a Santos como unha das voces máis singulares do cinema galego contemporáneo.
Un festival vivo durante todo o ano
O OUFF reafirma así que a súa actividade non se limita aos días de celebración do certame. A través de iniciativas como Colleita, a exposición Terra do Anel, os concertos da OUFF Film Symphony ou diversas actividades paralelas, o festival expande o seu espírito ao longo de todo o ano, fortalecendo a presenza do cinema na provincia e consolidando Ourense como territorio creativo e cinematográfico.







