23 de Setembro de 2026
  • Guille Galván, Escuchando Elefantes, Mambas Negras e Lembra Xabarín protagonizan a proposta sonora do noso festival.

  • O público poderá gozar de pases nas galas oficiais, un encontro con Guille Galván na tenda Bonus Track e concertos gratuítos na Praza Santa Eufemia.

Dende o OUFF · Ourense Film Festival presentamos un cartel musical diverso e vibrante deseñado para acompañar os momentos clave da nosa 31ª edición. Dende a gala de apertura ata a clausura, pasando pola sesión vermú e unha proposta familiar no corazón da cidade, reforzamos a nosa aposta por integrar a música como parte esencial da experiencia cinematográfica.

Guille Galván, Real Banda de Gaitas e DJ John Axiom na apertura

O venres 25 de setembro, a nosa Gala de Inauguración contará coa presenza do músico, compositor, letrista e escritor Guille Galván, recoñecido polo seu traballo como guitarrista e compositor de Vetusta Morla. Coa súa ampla traxectoria no deseño sonoro e na creación de bandas sonoras para cinema e teatro, Galván achegará a súa profundidade lírica e versatilidade ao escenario do Auditorio Municipal.

Como previa á gala, Guille Galván estará ás 13:00 h na tenda de discos Bonus Track nun encontro aberto co público para darlle a benvida a Ourense. Ademais, a xornada inaugural completaráse coa participación da Real Banda de Gaitas de Ourense e coa sesión de DJ John Axiom, que garda unha sorpresa especial para os asistentes.

Escuchando Elefantes na Gala de Clausura

A Gala de Clausura do sábado 3 de outubro estará acompañada pola banda galega Escuchando Elefantes, formada por Silvia Rábade e Carlos Tajes. A formación, coñecida polas súas harmonías vocais e pola súa enerxía en directo, achegará a súa honestidade musical e a súa complicidade única co público para despedir esta edición.

Concertos ao aire libre na Praza Santa Eufemia

O sábado 3 de outubro, a actividade musical trasládase ao rúa cunha dobre cita gratuíta na Praza Santa Eufemia:

  • Mambas Negras (13:00 h): sesión vermú cunha potente homenaxe ás bandas sonoras máis icónicas do cinema de Quentin Tarantino, repasando clásicos do surf rock, soul e funk de películas como Pulp Fiction, Kill Bill ou Reservoir Dogs.

  • Lembra Xabarín (17:30 h): espectáculo musical e familiar encabezado pola voz do actor e músico Fer González, acompañado por unha banda completa que percorrerá os grandes himnos en galego dos anos 80 e 90 do Xabarín Club, con temas de Heredeiros da Crus, Siniestro Total, Aerolíneas Federales ou Os Diplomáticos de Monte-Alto.