25 de Setembro de 2026
Presentación gala de inauguración
  • Iván Iglesias asume un ano máis a dirección e o guión das nosas galas oficiais.

  • Destacamos a aposta por un espectáculo áxil, retransmitido en directo e con interpretación en lingua de signos.

Arrincamos o OUFF · Ourense Film Festival presentando os detalles da Gala de Inauguración da nosa 31ª edición, que se celebra no Auditorio Municipal de Ourense para marcar o inicio dunha semana dedicada ao cinema e á creación audiovisual. A cita conta co actor, comunicador e humorista Rafa Durán como mestre de cerimonias, quen asume a condución dunha noite deseñada con ritmo, dinamismo e participación. Na rolda de prensa previa, os nosos directores técnico e artístico, Marcos Vázquez e Óscar Doviso, xunto co director e guionista das galas, Iván Iglesias, debullaron os eixes fundamentais da cerimonia.

O creador e director das nosas galas, Iván Iglesias, destacou o perfil polifacético do presentador como punto de partida para a elaboración do guión: “Rafa Durán inspiroume bastante para escribir; é un comunicador, humorista e unha persoa absolutamente polifacética que nos permite combinar formatos de televisión, humor e teatro”. Así mesmo, Iglesias subliñou que o noso obxectivo principal é ofrecer un formato conciso e atraínte: “O encargo que teño é que sexan galas breves e amenas, arredor dunha hora e dez minutos, que vaian ao que teñen que ir para que o público se manteña enganchado de principio a fin”.

Pola súa banda, o noso director artístico, Óscar Doviso, enfatizou o traballo de posta en escena e a nosa aposta pola difusión e a accesibilidade: “Buscamos que sexan galas totalmente áxiles, que vaian ao gran para que a xente non perda o fío”. Doviso lembrou ademais que “a gala retransmitirase en directo a través de Agalega.gal, Telemiño e na nosa canle de YouTube, e contará como novidade moi importante con interpretación en lingua de signos en directo para persoas con discapacidade auditiva”.

Rafa Durán, mestre de cerimonias para a apertura

Nado en Baiona en 1980, Rafa Durán formouse en Hostalaría e Animación Turística antes de iniciar, no ano 2005, a súa traxectoria no ámbito da televisión, dos espectáculos e dos eventos. Tras comezar como animador, consolidouse como presentador, dinamizador e showman improvisador en formatos moi diversos como concursos, programas, congresos e galas de humor.

O seu estilo caracterízase por un humor apto para todos os públicos, con moita retranca e sempre desde o respecto, avalado por máis de vinte anos de experiencia nos escenarios e unha gran presencia en redes sociais. El será o encargado de guiar esta noite de apertura.

A cerimonia contará ademais coa actuación do músico Guille Galván (guitarrista e compositor de Vetusta Morla) e pecharase coa proxección da película inaugural Las ciegas hormigas (Inurri itsuak), dirixida por Igor Legarreta.