
O músico Guille Galván participou hoxe nun encontro co público ourensán no marco da programación do OUFF, nun acto celebrado na tenda Bonus Track que serviu para achegar ao público a súa traxectoria artística e a estreita relación que mantén co mundo do cinema.

Durante o encontro, Galván conversou con Marcos Vázquez, director técnico do festival, sobre a súa vinculación coa creación cinematográfica e sobre o seu percorrido en solitario, así como sobre as conexións entre a música e o audiovisual. Unha conversa na que o artista compartiu co público diferentes aspectos do seu traballo e da súa experiencia creativa máis alá da súa faceta musical.
O encontro en Bonus Track forma parte das actividades que acompañan o inicio desta edición do OUFF e serviu, ademais, como antesala da participación de Guille Galván na gala de inauguración do festival. O músico será o encargado da actuación musical durante esta cita, que dará oficialmente comezo á programación do OUFF.







