
-
Javier Gutiérrez recibiu emocionado a Calpurnia de Honra, mentres que José Manuel Lorenzo e Uxía Blanco recolléron os premios Chano Piñeiro e AISGE.
-
O actor Rafa Durán conduciu unha noite na que a participación do público, o humor e a música en directo de Guille Galván foron protagonistas.
Inauguramos este venres a 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival cunha gala chea de ritmo, emoción e participación, celebrada no Auditorio Municipal de Ourense e conducida polo actor e presentador Rafa Durán. Durante máis dunha hora, o público gozou dunha proposta escénica que combinou tradición, humor, música en directo e a entrega de varios dos galardóns máis emblemáticos do noso certame: o Premio Chano Piñeiro para José Manuel Lorenzo, o Premio AISGE para Uxía Blanco e a Calpurnia de Honra para Javier Gutiérrez.
Como sinalou o noso director artístico, Óscar Doviso, durante o seu discurso inaugural: “Volvemos traer a Ourense historias de diferentes lugares do mundo, novas voces e diferentes maneiras de entender o cine. Películas que nos farán rir, emocionarnos, sorprendernos e tamén pensar”. Doviso destacou ademais o espírito desta edición: “O OUFF non quere ser só un lugar onde se proxectan películas; queremos que sexa un lugar onde sucedan cousas, onde se produzan encontros, onde nazan proxectos e onde o público sinta que forma parte de algo”.
Música, humor e participación do público
A gala arrincou coa enerxía da Real Banda de Gaitas acompañada dun remix do DJ John Axiom, que encheu o auditorio dunha atmosfera festiva e identitaria. Un dos elementos máis celebrados foi o concurso Trivial OUFF, no que o público participou activamente desde os corredores respondendo a preguntas sobre as seccións do festival. O humor tamén tivo un papel destacado cun sketch de “coaching cinematográfico” protagonizado por Rafa Durán e Óscar Doviso, cheo de guiños ao universo audiovisual do certame.
Entrega dos premios honoríficos
A parte institucional inclúe a entrega de tres recoñecementos fundamentais:
-
Premio Chano Piñeiro: presentado por Lucía Veiga e Daniel Grao, foi recollido por José Manuel Lorenzo, quen dedicou unhas palabras de gratitude ao público.
-
Premio Honorífico Fundación AISGE a Toda unha Traxectoria: entregado por Isabel Blanco á actriz Uxía Blanco, quen aproveitou a ocasión para reivindicar o papel do audiovisual en galego.
-
Calpurnia de Honra: nun dos momentos máis emotivos da noite, a actriz María Vázquez subiu ao escenario para destacar a traxectoria e a calidade humana de Javier Gutiérrez. O actor recolleu o galardón entre ovacións e compartiu un discurso cheo de afecto lembrando a importancia da cultura como espazo de encontro.
Guille Galván e a película inaugural
A música tivo outro dos seus momentos cumbre coa actuación en directo de Guille Galván (compositor e membro de Vetusta Morla), quen interpretou varias pezas nun formato íntimo e coidado.
Para pechar a cerimonia, o director Igor Legarreta e o actor protagonista Urko Olazabal, acompañados polo produtor executivo Pablo Barinaga, subiron ao escenario para presentar Las ciegas hormigas (Inurri itsuak), a película encargada de abrir oficialmente a programación desta 31ª edición.







