
-
O actor recibe esta noite a Calpurnia de Honra como homenaxe á súa traxectoria.
-
O intérprete alentou a recuperar o espírito romántico do oficio de actor.
O actor Javier Gutiérrez, un dos intérpretes máis recoñecidos do audiovisual español, participou esta mañá nun encontro cos medios no Centro Cultural Marcos Valcárcel, no marco da inauguración da 31ª edición do OUFF. O Premio Calpurnia de Honra 2026 confesou sentirse agradecido polo recoñecemento e pola oportunidade de volver ao festival, no que participou en 2023 para presentar Honeymoon. «Recuerdo con mucho cariño que fue la última vez que pude hablar con Marisa (Paredes), una de las de las grandes actrices de este país».
Gutiérrez, que estivo acompañado polo director artístico do certamen, Óscar Doviso, falou do oficio do actor e da imaxe que construíu coas súas personaxes. «Mi generación siempre se ha mirado en el espejo de esos actores enormes, como Alfredo Landa, José Luis Lopez Vázquez o Fernando Fernán, y me gusta mucho reconocerme en esa generación. Ese mirarse en el espejo y verse como el españolito medio, como ese hombre común, creo que es algo que va conmigo, es un físico que me condiciona, evidentemente, como le condicionaba a Alfredo Landa», sinalou.

Gutiérrez, que traballa tanto no teatro como no cine e na televisión, confesou que «los tiempos en el cine y en televisión son más cortos, se trabaja mucho, parece ser que hay mayor producción; pero yo hecho en falta que haya más tiempo para ensayar, a veces conocemos al compañero casi el mismo día de rodaje».
Tamén avogou por recuperar o «espíritu romántico» da profesión. «En este momento que nos invaden algoritmos e inteligencia artificiales, creo que lo más urgente es recuperar la esencia del oficial y alguien que se quiere dedicar a esto tiene que ver mucho cine y leer mucho.»
Gutiérrez recibirá esta noite o galardón durante a gala de inauguración, un recoñecemento á súa traxectoria excepcional e á súa contribución á cultura audiovisual contemporánea.
Un dos grandes intérpretes do noso audiovisual
Javier Gutiérrez (Luanco, 1971) é actor de cine, teatro e televisión, cunha traxectoria que o sitúa como unha das figuras máis sólidas e versátiles da interpretación en España. Criado en Ferrol, cidade á que chegou con apenas un ano, o público galego e o OUFF considérano desde hai tempo un galego de adopción.
Formado en Madrid, destacou inicialmente no teatro, especialmente coa compañía Animalario, antes de converterse nun rostro imprescindible da ficción televisiva e cinematográfica. En televisión acadou enorme popularidade con personaxes como Satur en Águila Roja e Manuel Márquez en Estoy vivo, mentres que no cine consolidou unha carreira marcada pola excelencia interpretativa.
É dobre gañador do Premio Goya ao Mellor Actor Protagonista, por La isla mínima (2015) e El autor (2017), ademais de recibir a Concha de Prata en San Sebastián e numerosos galardóns doutras institucións como os Premios Feroz, a Unión de Actores, os José María Forqué ou os Mestre Mateo.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.







