25 de Setembro de 2026
OUFF RDP Jose Manuel Lorenzo
  • O produtor galego recibirá o galardón esta noite durante a gala inaugural

  • Lorenzo tamén sinalou a súa paixón por contar a historia recente de España

Esta mañá, o produtor galego José Manuel Lorenzo mantivo un encontro cos medios no Centro Cultural Marcos Valcárcel, no marco do primeiro día desta nova edición do OUFF. O Premio Chano Piñeiro 2026 agradeceu o recoñecemento que recibirá esta noite na gala de inauguración do festival e recoñeceu que recibiu a noticia do galardón, que destaca a súa traxectoria e contribución á modernización da ficción televisiva e cinematográfica en España, «con muchísima alegría y con una tremenda sorpresa».

Lorenzo estivo acompañado por Óscar Doviso, director artístico do festival, falou sobre os seus últimos traballos, Anatomía de un instante, sobre o 23F e nominada aos premios Emmy, e da serie que prepara para Netflix sobre a vida de Raphael. «Me gusta mucho contar la realidad, me gusta mucho contar la Historia, la historia de España, la historia reciente…», sinalou, «para que la gente que la ha vidido se haga preguntas y, sobre todo, para que las nuevas generaciones vean realmente lo que pasó». En ese sentido, Lorenzo comentou que lle apaixoa «hacer pensar y golpear encima de la mesa, si puedo».

OUFF RDP Jose Manuel Lorenzo 2

O produtor tamén destacou o seu labor detrás das cámaras, «antes de productor, soy lector; me gusta mucho inspirarme en los libros», e definiu o seu traballo desta maneira: «soy el que enciende la luz y la apaga».

Un referente da produción audiovisual en España

Manuel Lorenzo (Pontevedra, 1959) é hoxe unha das figuras máis influentes do audiovisual español. Fundador e presidente de DLO Producciones, integrada en Banijay Group, liderou proxectos que marcaron a evolución da ficción nacional e abriron portas á internacionalización dos contidos.

A súa carreira comezou fóra da industria, como enxeñeiro industrial, pero axiña deu o salto ao audiovisual tras formarse en Dirección de Cine e Teatro (TAI) e en Marketing Televisivo na San Diego State University (California). Desde entón ocupou cargos de máxima responsabilidade en RTVE, Publiespaña, Antena 3, Canal+ e Digital+, converténdose nun dos grandes estrategas da televisión española contemporánea.
Como produtor, está detrás de títulos tan recoñecidos como La caza. Monteperdido, Dime quién soy, El Inmortal, Señor, dame paciencia, Los Japón, El Ángel de Budapest, Mario Conde, los días de gloria ou Las aventuras del Capitán Alatriste. A súa traxectoria foi recoñecida con premios como o Honor Conecta FICTION & ENTERTAINMENT 2025, ademais de ser fundador e presidente de PATE, entidade clave na industria audiovisual.

Aínda que a súa carreira é eminentemente como produtor e directivo, tamén participou como actor en filmes como Antártida, El espinazo del diablo ou Sin noticias de Dios, unha faceta complementaria que amosa a súa relación transversal co mundo do cine.

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.