25 de Setembro de 2026
Presentación Película Inaugural
  • O director Igor Legarreta, o actor Urko Olazabal e o produtor executivo Pablo Barinaga compartiron connosco os detalles desta adaptación de Ramiro Pinilla.

  • A obra, definida como un “western de costa” e rodada en éuscaro, reflexiona sobre a supervivencia, a dignidade humana e a pobreza enerxética.

Dende o OUFF · Ourense Film Festival acollimos esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel a rolda de prensa de presentación da película inaugural da nosa 31ª edición, Las ciegas hormigas (Inurri itsuak). O acto, conducido polo noso director artístico, Óscar Doviso, contou coa presenza do director do filme, Igor Legarreta; o actor protagonista, Urko Olazabal; e o produtor executivo Pablo Barinaga —quen tamén forma parte do noso xurado nesta edición—.

A cita serviu para debullar as claves dunha das producións máis agardadas da tempada, que chega ao noso certame trala súa recente estrea no Festival Internacional de Cine de San Sebastián dentro da sección Zinemira.

Unha historia de supervivencia baseada nun clásico da literatura española

A película adapta a recoñecida novela homónima de Ramiro Pinilla (Premio Nadal en 1961), ambientada na costa biscaíña dos anos 30, onde o naufraxio dun cargueiro inglés cheo de carbón desata a loita dunha familia de aldeáns por conseguir ese “ouro negro” para sobrevivir ao inverno.

O director Igor Legarreta definiu o filme como “un western de costa, unha traxedia grega á vasca sobre a supervivencia e sobre personaxes nacidos para perder”. Legarreta destacou que, por riba do drama, a obra fala da condición humana: “A pesar dos pesares e de volver perder unha e outra vez, estes personaxes manteñen algo que ninguén lles pode arrebatar: a súa dignidade”.

Pola súa banda, o produtor executivo Pablo Barinaga explicou a complexidade de sacar adiante un proxecto desta magnitude e destacou a aposta histórica das canles de televisión: “Trátase dunha película cunha produción moi complexa e a primeira rodada en éuscaro na que decide investir Antena 3, xunto co apoio de HBO”. Barinaga subliñou tamén o paralelismo da historia cos tempos actuais: “O cinema permítenos mirar cara ao pasado para recordar como vivían os nosos avós hai tan só 80 anos e reflexionar sobre cuestións tan vixentes hoxe en día como a pobreza enerxética”.

O actor Urko Olazabal, encargado de dar vida a Jauregi, o cabeza de familia que guía ao seu grupo na tempestade, compartiu a intensidade do proceso de interpretación e o traballo man a man co director: “É un personaxe cunha vontade e unha resistencia admirables; Igor axudoume moito a conter a enerxía, a marcar un ritmo pausado e reposado no medio de condicións de rodaxe moi esixentes baixo a choiva”.

Do paso por festivais á estrea exclusiva en cines

Las ciegas hormigas é o terceiro largometraxe de Igor Legarreta, tras Ilargi guztiak (Todas las lunas) e Cuando dejes de quererme. A película vén de estrearse no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, dentro da sección Zinemira, onde foi recibida con grande interese polo público e a crítica.

Tras a súa presentación no noso festival, Las ciegas hormigas (Inurri itsuak) estrearase exclusivamente en cines o vindeiro 9 de outubro, distribuída por Buena Vista International.