
-
A actriz recibe o Premio Honorífico Fundación AISGE a toda unha vida esta noite
-
O festival reivindica a figura dunha pioneira que marcou a historia do cine galego desde Sempre Xonxa ata hoxe
Ourense, 25 de setembro – A actriz galega Uxía Blanco, unha das voces máis respectadas do noso audiovisual, participou esta mañá nun encontro cos medios no Centro Cultural Marcos Valcárcel, acompañada por Isabel Blanco, delegada e patroa da Fundación AISGE en Galicia, e por Óscar Doviso, director artístico do festival.
A intérprete, que esta noite recibirá o Premio Honorífico Fundación AISGE a toda Unha Vida na gala de inauguración do OUFF, amosouse emocionada e agradecida por un recoñecemento que celebra décadas de talento, compromiso e unha traxectoria que forma parte da memoria cultural de Galicia.
Un premio máis ca merecido a toda unha vida
Durante a súa intervención ante os medios, Óscar Doviso, subliñou que “é un luxo ter esta homenaxeada, ademais de que eu lle teño especial cariño a Uxía porque Sempre Xonxa sempre vai no meu corazón. Por ser un dos primeiros filmes en galego e polo que conta, xa que a miña aldea está tamén por esa zona de Valdeorras”
Isabel Blanco quixo agradecer ao festival a colaboración coa Fundación AISGE antes de resaltar que Uxía Blanco “é memoria audiovisual, pero tamén sentimental. Uxía é unha pioneira e máis na súa época, cando as mulleres ían sempre un paso detrás”. Despois dirixiuse directamente a ela para dicirlle que “es un estandarte do noso cinema e agora tócache desfrutar este momento”.

A homenaxeada amosouse moi emocionada ante este recibimento e dixo estar “completamente desbordada ante tanto cariño”. Blanco dixo que se sentiu “impostora” cando lle dixeron que ía recibir o galardón pero despois cambiou a actitude e decidiu aceptar este premio e, sobre todo, “gozar este momento”. Engadiu que ademais é marabilloso que “sexa en Ourense, berce do cine galego co gran Chano Piñeiro e por iso rescatou a súa frase mítica de ‘Facer cinema en Galicia é posible, facer cinema en galego é necesario’”.
Unha figura esencial do cine, teatro e televisión en Galicia
Uxía Blanco é unha das intérpretes máis queridas e recoñecidas do panorama galego. A súa carreira, marcada pola versatilidade e a profundidade dramática, converteuna nun referente indiscutible do noso audiovisual.
O seu papel en Sempre Xonxa (1989), de Chano Piñeiro, é considerado un fito fundacional do cinema galego moderno. A figura de Xonxa transcendeu a pantalla para converterse nun símbolo da muller galega, da emigración e da memoria colectiva, consolidando a actriz como unha das grandes voces da interpretación en Galicia.
Ao longo da súa traxectoria, Blanco participou en filmes como A lei da fronteira, Sei quen es, Días de voda, Hotel Tívoli ou 18 comidas, demostrando unha capacidade extraordinaria para transitar entre o cine de autor e propostas máis populares. Na televisión, é un rostro imprescindible en series históricas da TVG como Mareas vivas, Rías Baixas, As leis de Celavella ou Valderrei, onde conquistou ao público con personaxes que hoxe forman parte da memoria colectiva de varias xeracións.
A entrega do Premio Honorífico AISGE nesta 31ª edición do OUFF celebra unha carreira sólida, comprometida e profundamente ligada á cultura galega, e reforza a alianza entre o festival e a Fundación AISGE na defensa e promoción das intérpretes que deixan pegada.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.







