
-
O equipo destacou o intenso proceso de rodaxe en Bande e o éxito crecente dun filme que continúa en carteleira
-
A película poderá verse hoxe no Teatro Principal ás 19:30 horas
O OUFF recibiu no Centro Cultural Marcos Valcárcel a visita de Roi Carballido, produtor, e María Becerra, coordinadora de produción, da película Anoite conquistei Tebas, quen se reuniu cos medios para presentar esta obra que chega a Ourense tras un destacado percorrido por festivais e numerosos recoñecementos.
Anoite conquistei Tebas é unha das películas máis premiadas da tempada, consolidándose como unha das propostas máis singulares do cinema galego recente. A súa aposta estética, o traballo interpretativo e a capacidade para dialogar coa memoria e co imaxinario colectivo fixeron que a crítica e o público coincidisen en sinalala como unha obra de referencia.
Unha traxectoria de éxito
César Silva, asesor de programación do OUFF, foi o que presentou a rolda e destacou os premios que a película está acadando a nivel internacional, destacando o Bisato d’Oro da Crítica Independiente en Venecia. Roi Carballido quixo destacar que se trata “dunha película con bastante percorrido a nivel nacional e internacional que nos está dando moitas alegrías. Agora estamos coa quinta semana en carteleira e estamos encantados de poder estar hoxe no OUFF”.

Pola súa banda, María Becerra, amosouse leda por estar no festival “pola nosa profunda vinculación con Ourense. Ademais de que a película se rodou en Bande, así que é o máis natural e é moi especial para nós presentar hoxe a película aquí”.
Ambos compartiron detalles da rodaxe, coas súas dificultades como “rodar nas termas, que entre permisos e o tempo foi toda unha aventura” destacou Carballido. Becerra fixo fincapé “en que rodamos 5 semanas, e 3 e media foron pola noite. Para sumarlle máis drama houbo temporal e romperon varias cousas”.
Sección Colleita: producións vencelladas con Ourense
O filme forma parte da sección Colleita, o espazo do OUFF dedicado a poñer en valor as producións vencelladas á provincia de Ourense, xa sexa pola súa temática, polas súas localizacións ou polo talento profesional implicado. Anoite conquistei Tebas poderá verse esta tarde no Teatro Principal ás 19:30 horas.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.







