
-
A directora María Yáñez e o noso director artístico Óscar Doviso presentaron a longametraxe, que compite na Sección Oficial Panorama Galicia e se proxecta ás 17:00 h no Teatro Principal.
-
A obra inclúe a participación directa da familia da artista —o seu viúvo, a súa filla e os seus netos— e lembra que o 35% das súas actuacións tiveron lugar na provincia de Ourense.
Dende o OUFF · Ourense Film Festival acollimos esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel a presentación en rolda de prensa do documental Kiro, unha das propostas máis agardadas da Sección Oficial Panorama Galicia, que celebra hoxe a súa estrea mundial no noso certame. Na comparecencia ante os medios, o noso director artístico, Óscar Doviso, acompañou á xornalista e comunicadora María Yáñez, quen debullou as claves da que supón a súa primeira longametraxe como directora: unha homenaxe coral, emocional e sen prexuízos á inesquecible cantante Ana Kiro.
Durante a súa intervención, María Yáñez definiu a Ana Kiro como un fenómeno de masas sen precedentes na música galega, destacando a dimensión e o alcance que acadou entre o público e na diáspora: “Para min era a Taylor Swift da emigración galega, unha icona pop e de masas capaz de conectar profundamente coas clases populares e con varias xeracións”. A cineasta subliñou tamén a necesidade de revalorizar o seu legado musical e social dende unha mirada contemporánea: “Analizar o seu repertorio permite descubrir que hai cancións que son auténticos hits que Galicia nin sequera sabía que tiña”.
A cineasta abordou tamén a evolución na percepción da cantante ao longo do tempo e o seu impacto nas distintas idades: “A xeración dos meus pais foi a dos fans xenuínos, mentres que a miña mirouna no seu momento con certa ironía. Reconciliarnos con Ana Kiro foi tamén unha forma de reconciliarnos connosco mesmos”. Ademais, destacou que a xente máis nova “abraza a súa figura sen ningún tipo de prexuízo, descubrindo nela a unha diva pop e unha icona moi conectada tamén co colectivo LGTBIQ+”.
Vinculación con Ourense e participación familiar
A película garda ademais un vínculo moi estreito coa provincia de Ourense, onde se desenvolveu unha parte importante da rodaxe en localizacións como Maceda, Xunqueira de Ambía ou Allariz. Un dato que pon de manifesto esa conexión é o feito de que o 35% do total das actuacións de Ana Kiro ao longo da súa carreira tiveron lugar precisamente en concellos ourensáns.
Outro dos eixes fundamentais da película é a complicidade e colaboración da contorna máis íntima da cantante. O documental conta coa participación e os testemuños directos da súa familia —o seu viúvo, a súa filla e os seus netos—, quen abriron os seus recordos para ofrecer un retrato próximo, humano e inédito da persoa que había detrás da gran diva da canción galega.
A estrea mundial de Kiro ten lugar este sábado, 26 de setembro, ás 17:00 h no Teatro Principal de Ourense, dentro da programación da Sección Oficial Panorama Galicia do noso festival.







