26 de Setembro de 2026
  • O director Luís Campos e a actriz Lúcia Moniz compartiron connosco as claves desta obra preseleccionada pola Academia de Cine Portugués para os Óscar e os Premios Goya.

  • A película explora o loito, o patriarcado e as relacións humanas no contorno do río Douro dende a mirada dun neno.

Dende o OUFF · Ourense Film Festival acollimos no Centro Cultural Marcos Valcárcel a presentación en rolda de prensa da longametraxe Terra Vil, produción portuguesa que compite na nosa Sección Oficial Internacional e que celebra a súa estrea nacional no noso certame. O acto, introducido polo programador do noso festival, Alberto González Araujo, contou coa presenza do seu director, Luís Campos; da actriz protagonista, Lúcia Moniz; e da produtora Ana Almeida.

A película acode ao noso festival respaldada por unha importante traxectoria internacional, ao ser preseleccionada pola Academia de Cine de Portugal para os Premios Óscar e candidata a representar ao país veciño como Mellor Película Europea nos Premios Goya 2027. Tralo seu paso polo OUFF e a súa estrea comercial en Portugal en febreiro, o filme chegará ás salas de cinema de España ao longo dos primeiros meses de 2027.

A memoria colectiva e a ollada da infancia

A historia trasládase a unha paisaxe fluvial próxima ao río Douro —cunha forte conexión visual coa nosa provincia— para contar o proceso de crecemento dun neno de 12 anos que vive só co seu pai, quen enfronta sérios problemas de adicción ao alcol. A vida do mozo entrecrúzase coa da familia veciña, composta por unha nai e dúas filla adolescentes, formando unha estrutura de apoio mutuo entre dous fogares fragmentados.

O director Luís Campos explicou que o guión é froito dun longo proceso de desenvolvemento e inmersión social: “A primeira versión escribiuse en 2012 e fixemos unha investigación de seis semanas vivindo coa propia comunidade para retratar ese universo arredor da pesca da lamprea, o trauma colectivo e o peso do patriarcado no interior do país”. Campos engadiu que a película procura un equilibrio visual e narrativo moi fiel ao punto de vista infantil: “A violencia e o drama están abordados dende a suxestión e a proximidade á mirada do neno, amosando como tenta atopar o seu propio camiño cara á vida adulta”.

Un relato sobre o duelo e a supervivencia

Pola súa banda, a recoñecida actriz Lúcia Moniz debullou o perfil do seu personaxe, Teresa, unha muller que enfronta o duelo tras perder ao seu marido nunha traxedia local. Moniz subliñou o fondo emocional e humano da historia: “A película fala dunha memoria e dunha perda colectivas, pero sobre todo de que é o que queda e de como se reconstrúe unha vida a partir desa dor”.

Sobre o seu traballo de interpretación, a actriz destacou a contención e o afecto como eixes do personaxe: “Teresa tenta compensar o baleiro e ‘aguantar o barco’ protexendo aos mozos; hai unha procura constante de salvar aos demais e de ofrecer un ombreiro no medio dunha realidade moi fráxil”.

A primeira proxección de Terra Vil no noso festival terá lugar mañá domingo ás 19:30 h, ofrecendo ao público a oportunidade de descubrir unha das propostas máis persoais do novo cinema portugués.