
-
O Auditorio Municipal, cheo ata a bandeira, recibiu os 128 músicos que interpretaron os principais temas da triloxía de Peter Jackson.
-
Con este evento, a Xove Orquestra Ourensanía anuncia a súa nova denominación como Orquestra e Coro Ourensanía.
O Ourense Film Festival (OUFF) viviu hoxe unha das grandes citas da súa programación coa primeira das dúas funcións da OUFF Film Symphony: Howard Shore Tribute, un espectáculo musical que rende homenaxe ao universo creado por J. R. R. Tolkien con motivo do 25 aniversario da chegada aos cines da triloxía de O Señor dos Aneis, dirixida por Peter Jackson.
O concerto tivo lugar no Auditorio de Ourense e contou coa participación da Orquestra e Coro Ourensanía, baixo a dirección de José Luis Tielas, reunindo sobre o escenario a máis de 120 intérpretes. O programa percorreu algunhas das composicións máis recoñecibles da banda sonora composta por Howard Shore, trasladando ao público a diferentes momentos, personaxes e lugares da triloxía. A proposta incorporou tamén elementos escénicos e a participación de actores caracterizados de orcos e elfos, completando unha experiencia audiovisual e musical especialmente deseñada para o festival.
A programación do OUFF Films Symphony: Howard Shore Tribute terá continuidade o vindeiro 3 de outubro no Auditorio de Verín, onde se celebrará a segunda función deste espectáculo. As entradas terán un prezo de 10 euros e a recadación destinarase integramente a fins benéficos, en concreto á Asociación Contra o Cancro, Cruz Vermella, Portas Abertas, Cáritas e Femuro.







