27 de Setembro de 2026
OUFF Alén dos silencios
  • A cineasta Carmen P. G. Granxeiro compite en Panorama Galicia cunha obra intimista sobre os silencios da Guerra Civil.

  • O filme, de produción artesanal, parte do descubrimento de que a súa propia avoa esteve presa de bebé en Lugo.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu a presentación da nova proposta da creadora Carmen P. G. Granxeiro dentro da Sección Oficial Panorama Galicia da nosa 31ª edición. Acompañada polo noso asesor de programación, César Silva, a directora compartiu cos medios o proceso de xestación dun traballo profundamente persoal que afonda na memoria histórica e nos silencios transmitidos de xeración en xeración.

Do caderno familiar á memoria colectiva

O proxecto naceu de maneira fortuíta fóra dos circuítos cinematográficos, cando a cineasta lle propuxo á súa avoa escribir un pequeno caderno cos seus recordos familiares para ilustralo xuntas. Foi nesas liñas onde descubriu un feito oculto durante décadas: a súa avoa fora encarcerada de bebé, xunto cos seus pais, no Vello Cárcere de Lugo durante a Guerra Civil. “Estudamos a Historia con H maiúscula e moitas veces escápanse as historias pequeniñas, pero a Historia escríbenla esas pequenas vivencias”, explicou Granxeiro.

A partir de comprobar este dato no arquivo municipal, a directora iniciou un proceso de investigación e entrevistas con outras mulleres vinculadas ao mesmo centro penitenciario, comprobando como a palabra ‘silencio’ xurdía de xeito espontáneo en todos os relatos: “O silencio foi algo que uniu moitas historias; había unha imposibilidade ou unha dificultade enorme para contar de viva voz o que pasara”.

Reivindicación do cinema feito dende as marxes

Durante a súa intervención, a autora tamén reivindicou o valor do cinema feito dende as marxes da industria e con procesos de produción artesanais, asumindo ela mesma múltiples tarefas técnicas e artísticas (dirección, cámara, deseño do cartel e distribución) ao longo do proceso. Granxeiro amosouse moi agradecida ao noso certame pola aposta por modelos cinematográficos diversos e sustentables: “Estou moi orgullosa do cine que fago e de atopar o meu propio xeito de crear; é de agradecer que un festival potente como o de Ourense abra estes espazos para outras formas de entender a creación cinematográfica”.

Alén dos Silencios proxéctase no Teatro Principal hoxe ás 17:00 h e contará cun segundo pase o vindeiro mércores, 30 de setembro, ás 22:00 h. As entradas xa están dispoñibles na web de Ataquilla.