27 de Setembro de 2026
crías rdp
  • A directora chega ao festival cun documental que transforma os diarios de adolescencia nun arquivo vivo
  • Poderá verse de novo no Teatro Principal o día 30 ás 17 horas

A directora galega Xiana do Teixeiro visitou esta mañá o Ourense Film Festival para presentar ante os medios Crías, a súa nova obra documental, que compite na sección Panorama Galicia. A cineasta compartiu cos medios as claves dun filme que transforma os diarios de adolescencia nun espazo de memoria, identidade e reflexión política.

A presentación chega despois do primeiro pase celebrado onte no Teatro Principal, no que o público puido achegarse a unha proposta que afonda na escritura íntima como “ferramenta de autocoñecemento e como territorio onde se revelan as tensións, medos e aprendizaxes que acompañan o proceso de medrar”, explicou a directora, que estivo acompañada de César Silva, asesor de programación.

Un diario de adolescencia

Crías continúa a liña de investigación de Teixeiro arredor do xénero, a educación emocional e a ética de coidado na filmación, xa que “é un ensaio onde nos adentramos do universo dos diarios adolescentes como espazo creativo, lugar onde facemos e creamos e podemos anotarun montón de cousas”. Tamén comentou que “este filme é a colaboración de centos de mulleres que cederon os seus documentos íntimos, as súas memorias. A partir desa escrita facemos un exercicio como do cursi ao político, ou do íntimo ao colectivo, e miramos o que hai de común”.

A película forma parte da Sección Oficial Panorama Galicia e poderá verse de novo o mércores 30 ás 17 horas. O xerme foi unha conversa da directora cunha amiga que atopara o seu vello diario e, a partir de aí, comezou o labor de investigación que se acabou convertendo “nun arquivo. Eu pedín a moitas mulleres que me deixasen botar un ollo ao seu diario de adolescencia e de repente empecei a ter unha especie de arquivo. Entón xurdiume a cuestión de que me tiña que enfrontar a isto, no nivel de “Ostras, agora son arquiveira”. Eu quería facer un filme, pero acabamos facendo unha exposición tamén e imos pechar toda esta investigación cunha publicación.

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.