
-
O OUFF e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas renovan a súa alianza para ofrecer cinco proxeccións que abordarán a memoria, a realidade social e a solidariedade con Palestina.
-
O Teatro Principal e o Cineclube Padre Feijoo acollerán as sesións do 28 de setembro ao 2 de outubro.
A 31ª edición do OUFF acolle esta semana unha das súas seccións paralelas máis consolidadas: o ciclo Amal en Ruta. A iniciativa, presentada en rolda de prensa polo noso director artístico, Óscar Doviso, e polo presidente de honor da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim, inclúe unha coidada selección de cinco películas (unha ficción e catro documentais) que poñen o foco no contorno e na cultura do mundo árabe.
Durante a presentación, Óscar Doviso destacou que este ciclo responde plenamente á liña social e humana que caracteriza ao festival: «É unha presentación moi significativa para nós, xa que encaixa co corte social que levamos no noso ADN. É unha honra renovar a colaboración coa Fundación Araguaney para ofrecer unha programación de enorme calidade».
Cinema para a empatía e a conciencia social
Pola súa banda, Ghaleb Jaber Ibrahim repasou a traxectoria deste ciclo en Ourense e puxo o acento no valor do cinema para mostrar realidades cruentas que moitas veces se ocultan. O presidente de honor da Fundación agradeceu ademais o apoio continuo da cidadanía e das asociacións co pobo palestino: «Esa solidariedade é fundamental para visibilizar a causa, crear conciencia e conseguir que a traxedia siga presente nos medios». Así mesmo, adiantou a convocatoria da Xornada de Acción Global do vindeiro 10 de outubro e lembrou que o Festival Amal cumprirá 25 anos de historia no ano 2027.
Ibrahim analizou tamén a selección dos filmes, destacando a presenza de The Time That Remains de Elia Suleiman para abrir o ciclo co seu humor sarcástico e brillante, xunto con obras documentais que abordan a destrución do campo de refuxiados de Jenin (Janin, Jenin), a visión do xornalismo no corazón de Gaza (This is Gaza), os desprazamentos en Europa (Notes on Displacement) e a mobilización estudantil na Universidade de Columbia (The Encampments).
Programación das proxeccións
As sesións celebraranse nas seguintes datas e localizacións:
-
Luns 28 de setembro (19:30 h | Teatro Principal): The Time that Remains (Elia Suleiman / Palestina-Francia / Ficción / 109 min).
-
Martes 29 de setembro (12:00 h | Cineclube Padre Feijoo): This is Gaza (Tom Besley / Reino Unido / Documental / 50 min).
-
Mércores 30 de setembro (12:00 h | Cineclube Padre Feijoo): Janin, Jenin (Mohammed Bakri / Palestina / Documental / 60 min).
-
Xoves 1 de outubro (12:00 h | Cineclube Padre Feijoo): Notes on Displacement (Khaled Jarrar / Palestina-Alemaña-Qatar / Documental / 80 min).
-
Venres 2 de outubro (12:00 h | Cineclube Padre Feijoo): The Encampments (Kei Pritsker e Michael T. Workman / EE.UU.-Palestina / Documental / 83 min).







