
-
O cineasta compostelán estrea hoxe ás 17:00 h no Teatro Principal o seu novo filme, unha historia sobre a memoria familiar, a identidade e os afectos nacida tras seis anos de traballo independente.
Na quinta xornada do OUFF · Ourense Film Festival acollemos a presentación oficial da longametraxe A avó e o amor, a nova proposta do cineasta galego Raul Veiga que compite na Sección Oficial Panorama Galicia e conta coa distribución galega de Baños Films.
Na rolda de prensa, na que estivo acompañado polo asesor de programación do certame, César Silva, o director explicou que a realización do filme respondeu a «unha cuestión puramente existencial: se non a fago, morro», tralo que foron seis anos de intenso traballo nos que Veiga asumiu o triplo papel de produtor, guionista e director para sacar adiante esta produción independente con forte arraigo portugués.

A película explora a construción dos afectos e a transmisión da memoria familiar arredor de dous irmáns que herdan a casa da súa avoa no norte de Portugal —coa que perderan o contacto— e reciben a encomenda de perpetuar o relato da familia. A este respecto, Veiga destacou que «o amor é unha experiencia transpersonal que abre o individuo á comunidade», sinalando como o territorio transfronteirizo do Miño e as súas propias vivencias persoais serviron de inspiración para articular este diálogo entre o pasado, a lingua e a pertenza.
Durante a súa intervención, o autor fixo fincapé no respecto polo espectador e na necesidade de entender a gran pantalla como un espazo de fascinación ao afirmar que «o cinema ten que entreter, ten que acompañar; ti non podes ir ao cine a sufrir ou aburrirte. Se non podo acompañar ao espectador e emocionalo, dá igual en que lingua lle fales, porque non te vai escoitar». O cineasta comparou ademais a estrutura do filme coas capas dunha cebola, subliñando que «a película ten que ter moitas capas de profundidade, pero a primeira ten que ser sempre a capacidade de fascinar e conectar coa xente».
Ademais do pase de hoxe, A avó e o amor poderá verse o venres 2 de outubro ás 22:00 h no Teatro Principal.







