
-
A Plataforma Audiovisual de Produtoras, que agrupa máis de 750 empresas, pon en común as principais preocupacións e prioridades do audiovisual nacional.
-
O encontro tivo lugar no Hotel Balneario Laias Caldaria no marco do OUFF · Ourense Film Festival.
As principais federacións e asociacións de produtoras independentes españolas, integradas na Plataforma Audiovisual de Produtoras (PAP), celebraron durante os últimos tres días o seu IV Encontro Estatal no marco da 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival. Esta cita anual constitúe un espazo de traballo no que as organizacións puxeron en común os retos e preocupacións fundamentais do sector e abordaron as perspectivas de futuro da produción independente en España.
O encontro permitiu analizar un contexto marcado pola transformación do ecosistema audiovisual, os cambios nos modelos de financiamento e explotación e a necesidade de seguir avanzando cara a un marco que proporcione maior seguridade xurídica, estabilidade e sostibilidade ás empresas produtoras independentes.
Un dos principais asuntos abordados foi a necesidade de reforzar o recoñecemento da figura do produtor independente e do seu papel dentro do ecosistema cinematográfico, así como de garantir unhas condicións axeitadas de financiamento, capacidade de decisión e seguridade xurídica que favorezan a consolidación dun tecido empresarial sólido e sostible. PAP considera fundamental que o produtor independente sexa recoñecido como un elemento esencial do tecido industrial, da creación e da diversidade cultural, e que esta consideración se reflicta tanto nas súas relacións cas institucións como cos distintos axentes da cadea audiovisual, especialmente as televisións e as plataformas.
Entre as cuestións abordadas atópase tamén a evolución das políticas públicas de apoio á produción, os incentivos fiscais, a financiamento das obras, as ventás de explotación cinematográfica e a protección da produción nas distintas linguas cooficiais.
As reunións celebráronse, ademais, na antesala do próximo relatorio do Proxecto de Lei do Cine e da Cultura Audiovisual no Congreso dos Deputados. Neste contexto, as organizacións membros de PAP expresaron a súa preocupación por que o avance da tramitación permita incorporar de xeito efectivo as achegas do sector e garanta que a nova regulación responda axeitadamente á realidade e ás necesidades das empresas independentes.
Para PAP, a definición de empresa produtora independente constitúe unha cuestión central, determinante e irrenunciable para a futura lei. Da súa formulación dependerá que a norma garanta unha independencia efectiva, preserve a capacidade de decisión destas empresas sobre os seus proxectos e recoñeza axeitadamente a súa función creativa, cultural e industrial. A xuízo da Plataforma, calquera outro escenario comprometería a eficacia das medidas contempladas na nova Lei para protexer e consolidar este ámbito esencial do audiovisual e da cultura española. Por isto, as produtoras independentes apostan por manter e afondar o diálogo neste sentido.
As organizacións que integran PAP coincidiron finalmente na importancia de manter e reforzar o traballo conxunto do sector independente, así como de estreitar o vínculo coas institucións e co resto dos axentes do audiovisual, para afrontar os cambios que está experimentando a industria e contribuír a un modelo audiovisual plural, diverso e sostible.
O IV Encontro Estatal de PAP celebrouse no marco do OUFF – Ourense Film Festival, que un ano máis acolleu este espazo de encontro e reflexión das principais organizacións da produción independente española.
Sobre PAP
A Plataforma PAP, que representa a máis do 90% da produción independente española, está formada por máis de 750 empresas distribuidas por todo o territorio nacional e agrupadas nas seguintes entidades:
- AECINE: Asociación Estatal de Productoras de Cine Independiente.
- Federación Estatal de Productoras Independientes Audiovisuales (PIAF+MAPA), na que se atopa AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes), anfitriona e organizadora do IV Encontro PAP.
- PROA: Federación de Asociaciones de Productoras Estatales.
- PROFILM: Asociación de productoras que prestan servicios a rodajes internacionales en España.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celébrase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.







