
-
O realizador ourensán reconstrúe a vida de Friedrich Jürgenson, pioneiro da transcomunicación instrumental, nun relato biográfico
-
O proxecto, rodado en Ourense, está en fase de posprodución e espera estar finalizado o vindeiro ano
O OUFF · Ourense Film Festival presentou hoxe Jürgenson Frequency, a nova longametraxe do realizador galego Rubén Méndez, que forma parte da sección Xanela. O director participou hoxe na presentación do proxecto ante os medios, onde compartiu as claves dunha película que aborda a figura de Friedrich Jürgenson, considerado pioneiro da chamada transcomunicación instrumental.
Óscar Doviso, director artístico do festival foi o encargado de presentar esta primeira Xanela, comentando que a sección “está pensada e dedicada para creadores que están nalgún proceso tanto de preprodución como de posprodución ou en desenvolvemento de proxectos. Hoxe, mañá, pasado e o venres temos cada día a presentación duns proxectos diferentes en diferente estado no proceso de creación, polo que que vos convidamos a coñecer de primeira man tanto aos seus autores como ao propio proxecto”.
A vida de Friedrich Jürgensen, protagonista do filme
Cristina Pascual, coordinadora de Xanela, presentou o proxecto como “unha reconstrución da vida de Friedrich Jürgensen, pioneiro da transcomunicación instrumental a través duns relatos biográficos de vocación internacional”. Este persoeiro foi o primeiro en facer experimentos coa gravación de sons e explorar a posibilidade de establecer comunicacións con voces e presenzas que el mesmo identificaba como procedentes doutras dimensións.

Unha experiencia paranormal de Rubén Méndez a que non lle atopou explicación foi o xerme que fixo que se interesase “polo que popularmente se coñece como psicofonías e coñecese a figura de Friedrich Jürgensen”. O ourensán leva ao cinema unha historia que transita entre a biografía, a investigación e o misterio, e que permite recuperar a figura dun personaxe singular cuxas experiencias contribuíron a alimentar décadas de investigación e debate arredor da comunicación instrumental.
No reparto, “José Cobertera, o protagonista; Brendan Price, un mítico se vos acordades de Doctor Who dos 70; Manuel Millán, que neste caso ascendeu de cura a Papa; a Avelino González, con quen comparte hábitos, e, entre outras, tamén a Marta Doviro”. Destacou tamén o traballo de Blanca Álvarez, que fixo labor de produción, vestiario,e traballo artístico, que ela asumiu como “unha experiencia bonita pero dura, foi todo un reto. Eu non teño relación con este mundo, só estar casada con este señor” (en referencia ao propio Rubén Méndez).
Un filme rodado en Ourense cun traballo de investigación do máis esixente, reproducións dos aparatos reais milimétricas e moito traballo detrás que “está na fase de posprodución, para a que seguimos buscando apoios”. Méndez espera poder tela finalizada dentro dun ano “a ver se podemos estreala no OUFF”.
Rubén Méndez, do audiovisual á longametraxe
Rubén Méndez é realizador audiovisual e redactor publicitario. No ámbito literario, é autor da novela Como quien quiere adiestrar a un gato, publicada por Ediciones Lantia en colaboración con Mediaset, e participou na obra coral 15 miradas al amor, editada por Almuzara Libros. Como director e guionista, realizou as curtametraxes I See You Everywhere (2016) e La metafísica del asesino (2021), obras que recibiron numerosos recoñecementos en festivais. Entre eles destacan o Premio á Mellor Curta Galega en CURTAS – Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa e o Premio Lorca á Mellor Comedia no Festival Internacional de Cine de Granada.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celébrase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.







