
-
O encontro, celebrado no Laias Caldaria Hotel Balneario, busca ser o xerme de futuras adaptacións ao cine ou á televisión de novelas galegas
-
Con esta actividade, o OUFF · Ourense Film Festival reforza o seu papel como impulsor de proxectos audiovisuais
Representantes de editoriais e produtoras audiovisuais galegas reuníronse este martes no OUFF Industry, o primeiro encontro deste tipo que busca compartir experiencias e crear sinerxías que sirvan de xerme para novos proxectos tanto para a gran pantalla como para a pequena.
En palabras de Óscar Doviso, director artístico do festival, «o que sementamos é que uns coñezan o que outros ofrecen e o que precisan. E, se nese punto se atopan, sería ideal que do festival xurdise algo: unha novela galega adaptada ao cine, á gran pantalla ou á pequena pantalla».
O primeiro OUFF Industry celebrouse no Laias Caldaria Hotel Balneario nun ambiente distendido, co contorno do Ribeiro como protagonista. Para Rubén Méndez, coordinador da actividade, «a idea é que xurdan todas estas ideas e acordos arredor de proxectos nun ambiente case de amizade, máis ca nunha oficina». Méndez considera que o encontro é especialmente interesante para os escritores, xa que lles permite «ter a oportunidade de que as súas historias poidan chegar ao público dun xeito diferente, a través do audiovisual».
O OUFF Industry pon o foco na figura do produtor independente e no labor dos editores como impulsores de historias con potencial audiovisual. Este encontro reúne profesionais dos sectores editorial e cinematográfico para compartir experiencias, crear sinerxías e abrir novas vías de colaboración arredor das obras literarias e da súa adaptación audiovisual.
O obxectivo é tender pontes entre libros e imaxes, facilitando o diálogo entre quen descobre, publica e acompaña unha obra e quen pode transformala nun proxecto para a grande ou a pequena pantalla. Un espazo para conectar miradas, trocar coñecementos, detectar oportunidades e favorecer o nacemento de futuras producións audiovisuais.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celébrase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.







