
-
Só ida, de Álvaro Pombo Feijóo, obtén o segundo premio nunha edición que volveu poñer en valor o talento emerxente do audiovisual galego
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta tarde a entrega de premios da II Residencia Audiovisual Faíscas, unha iniciativa que se consolida no marco do OUFF como un espazo de creación, aprendizaxe e impulso ao talento emerxente do audiovisual galego. No acto estiveron presentes Marcos Vázquez, director técnico do OUFF, así como José Luis Rebordinos, director do Festival de Cine de San Sebastián, que acompañaron aos participantes nesta xornada de peche da residencia.
O proxecto ‘The making of Machada Sanguínea 4: O leñador eterno’, de Daniel Sabucedo Sequeiros, Andrew Fernández Pardo, Eva García Peña, Roi López Pato e Pablo Bahamonde Sánchez, resultou gañador desta segunda edición. O segundo premio foi para ‘Só ida’, de Álvaro Pombo Feijóo.
Durante intensas xornadas de convivencia e creación no corazón de Ourense, os equipos participantes desenvolveron os seus proxectos baixo a titoría de Zeltia Outeiriño e cunha masterclass impartida por Anxos Fazáns. Esta experiencia creativa a contrarreloxo culminou coa realización e entrega das curtametraxes, que puxeron de manifesto a forza, a orixinalidade e a vitalidade das novas voces do audiovisual galego. Os proxectos presentados nesta edición demostraron, ademais, a capacidade dos participantes para transformar a cidade de Ourense nun espazo de creación e experimentación cinematográfica.
Os proxectos premiados
‘The making of Machada Sanguínea 4: O leñador eterno’, gañador da II Residencia Audiovisual Faíscas, é unha comedia en formato de falso documental sobre o asasino dunha mala película slasher dos anos 80 ambientada en Ourense. Eduardo Nogueira, un home lobo que converteu a súa maldición nun traballo, narra a súa historia ante a cámara mentres busca vingarse daqueles que acampan no seu territorio encantado.
O segundo premio recaeu en ‘Só ida’, de Álvaro Pombo Feijóo. O filme conta a historia dun mozo dun pequeno pobo que viaxa a Ourense coa intención de gañarse a vida xunto ao seu tío. Porén, tras encadear unha serie de fracasos laborais e verse envolto en situacións completamente absurdas, vese obrigado a regresar á casa collendo o último autobús da xornada.
A segunda edición de Faíscas pecha así unha nova experiencia de creación colectiva que reafirma a aposta do OUFF polo acompañamento, a formación e a promoción das novas voces do audiovisual galego.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celébrase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.







