
-
A serie, un true crime de 6 capítulos producido por Zenit TV, está inspirada un caso real e mediático, o asasinato de Elisa Abruñedo en 2013
-
Para Televisión de Galicia, este proxecto supón un reto pola calidade da produción e polo formato de serie evento
Xanela, a sección do OUFF · Ourense Film Festival para proxectos audiovisuais en desenvolvemento, foi o espazo elixido pola Televisión de Galicia para presentar o primeiro adianto de O asasino de pelo roxo, a serie inspirada no crime de Elisa Abruñedo. A ficción, producida por Zenit TV, recolle o asasinato da muller en Cabanas en 2013 e a posterior investigación, un proceso que durou unha década e foi resolto grazas á aplicación pioneira da xenealoxía xenética.
O proxecto responde ao interese da Televisión de Galicia por explorar novos formatos. Como contou Montse Besada, responsable de contidos, na presentación deste martes, «pensábamos que esta nova maneira de aproximarnos aos feitos reais que acontecen no noso contorno e a casos tan mediáticos como este podía atopar receptividade entre os nosos espectadores».
Pola súa banda, Zaza Ceballos, fundadora de Zenit TV, sinalou a dificultade de embarcarse nun true crime rodado, ademais, en exteriores e con menos recursos dos que teñen as grandes plataformas. E adiantou que O asasino de pelo roxo propón algo diferente ás series criminais habituais. «Imos achegar un punto de vista distinto; queremos contar o que lles pasa ás persoas que se viron involucradas de todas as maneiras neste caso tan tremebundo. Iso quere dicir que imos falar máis de como quedan os fillos, como quedan uns amigos, como queda unha aldea, como quedan os gardas civís… Ninguén queda igual despois dun caso semellante».
Ceballos e Besada coincidiron en poñer en valor a calidade dos profesionais do audiovisual galego. «En Galicia somos contadores de historias por natureza», sinalou a responsable de contidos da Televisión de Galicia.

Á cita en Xanela, sección do OUFF coordinada por Cristina Pascual, tamén asistiu Lucía Caramelo, directora de produción de Zenit TV, que deu algúns detalles sobre a produción: «Rodamos en máis de 12 espazos naturais durante catro semanas e media; un auténtico pracer, porque ademais en Galicia ábrennos as portas das casas e dos concellos». Entre esas localizacións figuran Vedra, Teo, Ames, Brión, Noia, A Estrada ou Val do Dubra, así como a ría de Ares, as Fragas do Eume e distintos concellos da comarca de Ferrolterra.
En antena en 2027
O asasino de pelo roxo está dirixida por Inés Pintor (El tiempo que te doy) a partir dun guión de Lidia Fraga e Virginia Cica. No elenco destacan, entre outros nomes, Adrián Ríos, Sergio Abelaira, Manu Estévez, Xosé M. Esperante, Isabel Garrido, Alberto Rolán, Susana Sampedro, María Tasende e Nacho Castaño.
A serie, que consta de 6 capítulos de aproximadamente 45 minutos de duración, emitirase na TVG o vindeiro ano. Polo momento, o público que este martes pasou polo espazo Ceres 1894 puido ver un primeiro adianto prometedor.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celébrase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.







