
-
O documental, que recolle o testemuño directo do histórico guerrilleiro de 101 anos Francisco Martínez “El Quico”, compite na Sección Oficial Panorama Galicia.
O OUFF · Ourense Film Festival acolleu a presentación oficial do documental Guerrillero, o novo traballo do realizador Joan Gamero que compite na Sección Oficial Panorama Galicia. Na rolda de prensa, na que estivo acompañado polo asesor de programación do certame, César Silva, o director explicou que a película é «unha obra de baixo presuposto e autoxestionada que naceu sen esperar por subvencións pola urxencia de rexistrar a memoria dun personaxe único que tiña daquela 97 anos», en referencia a Francisco Martínez “El Quico”, un dos últimos superviventes da guerrilla antifranquista que cumpre 101 anos.
O filme, rodado en paisaxes en branco e negro do Bierzo, Valdeorras, os montes de Casaio e as minas de wolframio, aborda a realidade daqueles territorios nos que non houbo unha liña de fronte de guerra civil propiamente dita, senón un golpe de Estado seguido dunha brutal represión. A este respecto, Gamero subliñou que «a xente coma El Quico considérase a si mesma como os últimos loitadores da República e do Fronte Popular, persoas que defenderon a democracia e que co tempo acabaron sentíndose abandonadas polos seus propios partidos políticos».
Durante o acto, o cineasta defendeu a independencia á hora de crear ao afirmar que «prefiro facer os proxectos pola miña conta para ter total liberdade creativa», sinalando que as televisións adoitan limitar os tempos e encadrar excesivamente as temáticas documentais.
A obra acumula xa seleccións e premios en máis de vinte certames internacionais en países como Finlandia, Marrocos, Holanda ou Estados Unidos.







