
-
A Academia Galega do Audiovisual presenta esta distinción para a aldea de Petín dentro do foro peninsular celebrado hoxe no festival.
-
O recoñecemento pon en valor a paisaxe da emblemática obra de Chano Piñeiro, protagonizada por Uxía Blanco, quen este ano recibiu o Premio Fundación AISGE do OUFF.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá, no marco da 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival, a celebración do X Encontro de Academias de Cine e Audiovisual da Península, un foro institucional no que a Academia Galega do Audiovisual anunciou a proclamación de Santoalla (Petín) como Lugar de Interese Cinematográfico 2026 (LIC). A cita, que reuniu a representantes de oito academias cinematográficas de España e Portugal, serviu para consolidar o festival ourensán como a grande plataforma de cooperación do sector audiovisual peninsular e de vertebración do patrimonio locativo.
A elección de Santoalla rende homenaxe á historia do cinema galego ao situar no mapa un dos espazos máis icónicos da nosa cinematografía, escenario principal no que Chano Piñeiro rodou en 1989 a histórica longametraxe Sempre Xonxa. Este recoñecemento cobra ademais un significado moi especial nesta edición do festival, xa que a película está protagonizada pola actriz Uxía Blanco, quen precisamente recibiu este ano o Premio Fundación AISGE do OUFF en homenaxe á súa dilatada e brillante traxectoria no audiovisual e nas artes escénicas.
Durante a presentación, a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, destacou que «con esta distinción queremos poñer en valor o patrimonio cinematográfico de Galicia e sinalar a trascendencia de Santoalla como un espazo mítico que forma parte da memoria colectiva do noso cinema grazas ao legado inesquecible de Chano Piñeiro e ao traballo dun elenco histórico liderado por Uxía Blanco». Pora súa banda, o director do OUFF, Óscar Doviso, subliñou o orgullo que supón para o certame acoller este anuncio ao afirmar que «o Encontro de Academias atopa no OUFF o escenario ideal para reivindicar Ourense como plató natural e como punto de unión de todo o audiovisual peninsular, conectando a historia da nosa cinematografía con proxectos de futuro».

O acto contou tamén coas intervencións do vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández; e do tenente de alcalde e concelleiro de Cultura de Petín, Amancio Díaz Jiménez, quen expresou o seu agradecemento sinalando que «para o concello e para a veciñanza de Santoalla é unha honra e un orgullo ver como o cinema segue mantendo viva a esencia e o valor histórico do noso territorio». Coa proxección dunha peza audiovisual sobre o espazo recoñecido, pechouse a presentación da candidatura galega dos LIC 2026, unha iniciativa que continuará promocionando as localizacións cinematográficas máis destacadas da Península Ibérica.
Oito novos espazos para a memoria cinematográfica
A presentación dos LIC 2026 reuniu esta mañá en Ourense ás oito Academias participantes no X Encontro: Academia de Cine de Andalucía, Academia del Cine Aragonés, Academia del Cine Asturiano, Acadèmia del Cinema Català, Academia de Cine de Extremadura, Academia Galega do Audiovisual, Academia Portuguesa de Cinema e Academia Valenciana de l’Audiovisual.
Xunto a Santoalla, a nova edición incorpora espazos moi diversos vinculados á historia audiovisual dos diferentes territorios. Andalucía recoñece Sevilla, unha cidade que se converteu ao longo das décadas nun escenario cinematográfico de dimensión internacional, con localizacións como o Real Alcázar ou a Praza de España, presentes en títulos como Lawrence de Arabia ou Star Wars: Episodio II – O ataque dos clons.
Aragón incorpora o Palacio da Aljafería de Zaragoza, unha das grandes xoias do patrimonio aragonés, escenario de producións como Ramón y Cajal: historia de una voluntad, Miguel Servet, la sangre y la ceniza, El Cid ou Vampire Academy. En Asturias, o recoñecemento recae en Somiedo, territorio de gran riqueza natural e etnográfica que acolleu rodaxes como ¿Para qué sirve un oso?, Alma ou, máis recentemente, Los Juegos del Hambre: Amanecer en la Cosecha.
En Cataluña, o novo LIC pon o foco nas periferias urbanas de Barcelona, concretamente nos barrios de Bellvitge e La Mina, vinculados á memoria do cine quinqui e a películas como Perros callejeros, Yo, El Vaquilla ou Tapas, ademais de producións posteriores como Biutiful ou REC 4. Extremadura incorpora a Plaza Alta de Badajoz, espazo do casco histórico presente en títulos como La guerra empieza en Cuba, Lisboa ou Un novio para Yasmina.
Pola súa parte, Portugal recoñece Sintra, territorio de enorme riqueza paisaxística e patrimonial que serviu de escenario a películas como A novena porta, A casa dos espíritos ou Misterios de Lisboa. Finalmente, Valencia incorpora Benidorm, unha das paisaxes turísticas máis recoñecibles do Mediterráneo e escenario de producións como Benidorm, Nieva en Benidorm, El Inmortal ou Las largas sombras.
Con estas novas incorporacións, a rede de Lugares de Interese Cinematográfico continúa medrando como un proxecto común das Academias, que busca poñer en valor os espazos que, pola súa presenza nas películas e producións audiovisuais, forman parte da memoria cinematográfica dos diferentes territorios.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.







